A Xunta sospeita que o Goberno español coñece as causas do colapso do viaduto da A-6

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, demandou unha "mesa de intercambio de información" entre a Xunta e o Executivo de Pedro Sánchez ante unha situación que cualificou de "preocupante".
Un guindastre realiza os traballos para tirar o último tramo do viaduto do Castro. (Foto: Europa Press)
photo_camera (Foto: Europa Press)

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asegurou este domingo que sospeita que o Goberno español coñece as causas do colapso do viaduto do Castro na A-6 e demandou unha "mesa de intercambio de información" entre a Xunta e o Executivo de Pedro Sánchez ante unha situación que cualificou de "preocupante".

Nunha entrevista concedida á Radio Galega recollida por Europa Press, a conselleira xustificou esta sospeita polas declaracións en prensa da secretaria de Estado de Infraestruturas, Isabel Pardo de Vera, nas que anunciaba, antes de dar a coñecer as causas do derrube, que a reapertura do viaduto paralelo ao que colapsou se levaría a cabo durante o primeiro semestre de 2023.

"Lamentamos que os representantes do Goberno de España veñan a Galiza a falar de infraestruturas fundamentais e témonos que decatar polos medios de comunicación cando desde o primeiro momento do colapso do viaduto estivemos pendentes, solicitando explicacións, medidas e fixemos propostas alternativas para que se realizasen canto antes desvíos directos", reprochou a conselleira.

Ademais, tachou de "solución parcial" o desvío da A-6 operativo desde este sábado que evita que os vehículos que circulan en dirección Madrid atravesen Pedrafita do Cebreiro. Para a titular de Infraestruturas, non se trata dunha solución total porque "só evita o tráfico por Pedrafita en dirección Madrid, pero en dirección A Coruña séguese pasando por esa travesía incómoda para todos os usuarios que circulan cara a Galiza".

Así mesmo, denunciou "falta de respecto institucional" por parte do Goberno de Pedro Sánchez, xa que considera que "desde o punto de vista de obra pública", o Executivo estatal "no canto de tender pontes coas administracións, rómpeos".

A seca, "preocupante"

En relación coa situación da seca na Galiza, a conselleira explicou que desde febreiro advertiron os concellos de que a situación era "preocupante e grave" nun contexto de seca "a nivel europeo". Por iso, insistiu na súa mensaxe de aforrar auga ante a prealerta de seca que se rexistra na comunidade.

"Estamos nunha situación grave e non podemos levarnos a engano que con catro días de choiva arranxamos un ano extremadamente seco. A situación segue sendo preocupante e temos que adoptar todas as medidas de contención do consumo de auga", reiterou.

Neste sentido, sinalou os baixos niveis de auga en ríos como o Lérez, o Anllóns, o Grande ou o Tambre, así como na demarcación da conca hidrográfica Miño-Sil. Alí, demandou medidas de contención do consumo porque a situación é "preocupante".

Comentarios