Solidariedade soberanista a pé do Congreso cos encausados na Operación Jaro

BNG,  Bildu, CUP e Izquierda Castellana denuncian en Madrid a "montaxe" contra os 12 independentistas galegos que a partir da segunda feira van ser xulgados na Audiencia nacional.

jaro
photo_camera Momento da comparecencia (Foto: BNG)

Solidariedade cos 12 independentistas galegos que a partir desta segunda feira, día 19, van ser xulgados na Audiencia Nacional e denuncia da criminalización do independentismo. Estas foron as dúas mensaxes principais que esta quinta feira, ao pé do Congreso dos deputados, transmitiron representantes do BNG, EH  Bildu, CUP, Izquierda Castellana, Yesca e a a Coordenadora 25S.

Con eles, Joam Peres, un dos encausados no proceso pola ‘Operación Jaro’ e que senta 12 independentistas galegos no banco da Audiencia nacional. A Fiscalía pide máis de 100 anos de prisión para eles ademais de situar sobre a mesa a ilegalización de organizacións políticas como Causa Galiza e anti represivas como Ceivar.

Peres defendeu que estas dúas organizacións actuaron sempre en "na legalidade" e rexeitou as acusacións de pertenza a banda armada e enaltecemento do terrorismo e a petición dun global de 102 anos de cárcere á que se enfrontan.

Os representantes das formacións soberanistas pediron a "absolución" para os doce independentistas e denunciaron o que consideran unha "montaxe policial e xudicial". Néstor Rego (BNG), Bel  Pozueta (EH  Bildu) e Albert  Botrán ( CUP), este último por carta debido a que non se desprazou a Madrid polas restricións sanitarias, expresaron a solidariedade para cos encausados.

Este acto precede á manifestación nacional convocada para este domingo en Compostela e na que se demandará a absolución dos independentistas procesados. Unha mobilización á que se chega nunha vaga de solidariedade para cos 12 militantes de Causa Galiza e Ceivar.

Así, manifestaron o seu apoio aos procesados sindicatos como CIG, CUT e CNT, organizacións políticas como BNG, Anova, Causa Galiza, Agora Galiza, Esquerda Unida ou Anticapitalistas Galiza; centros sociais, entidades como A Mesa pola Normalización Lingüística ou organización estudantes como Erguer e Estudantes Antifascistas.

Ademais, outro manifesto reúne xa máis de 1.600 sinaturas de xente do mundo da cultura, do traballo, de colectivos sociais ou do deporte pola absolución destes 12 independentistas.

Comentarios