O Senado decide se permite ao TS xulgar Baltar por condución temeraria

A maioría absoluta do PP na Cámara Alta española decantará se o senador popular será xulgado ou non

Manuel Baltar no Senado español, nunha foto de arquivo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Manuel Baltar no Senado español, nunha foto de arquivo. (Foto: Nós Diario)

O Senado convocou esta cuarta feira a Comisión de Suplicatorios, o primeiro paso para tramitar a instancia que pediu o Tribunal Supremo (TS) á Cámara Alta española para dirixir o procedemento penal contra o senador do PP José Manuel Baltar por un delito contra a seguridade viaria por presuntamente conducir un coche a 215 quilómetros por hora na autovía A-52.

Segundo o calendario fixado polo Senado, a Comisión de Suplicatorios reunirase ás 12horas para dar audiencia ao propio Baltar de que tramitará este suplicatorio, á vez que designará os encargados dos grupos de redactar o texto que finalmente se someterá a votación.

Despois diso, a Comisión de Suplicatorios terá que votar se segue adiante co trámite, e se así ocorre, o suplicatorio chegará ao Pleno do Senado, onde o PP conta con maioría absoluta, para decidir antes do 10 de maio se a Cámara alta dá luz verde a que o Baltar sexa xulgado.

A Sala do Penal adoptou a decisión de pedir ao Senado o suplicatorio despois de que a maxistrada instrutora da causa, Ana Ferrer, elevase unha exposición razoada para que se solicitase a autorización á Cámara Alta co fin de suspender a inmunidade que goza o senador como aforado e proceder penalmente contra el ao apreciar indicios de delito.

No marco da resolución, o tribunal estimou pertinente suspender por agora a tramitación das actuacións referidas a Baltar mentres que o Senado resolva sobre a autorización solicitada.

A maxistrada instrutora estimou proceder contra Baltar ao entender que, aínda aplicando a marxe de erro do 5% que estabelece a normativa sobre o resultado do radar, a cifra alcanzaría os 204 quilómetros por hora nun tramo no que a velocidade máxima permitida era de 120, o que ao seu xuízo encaixa nun delito contra a seguridade viaria.

Seis meses de multa

Os feitos polos que se investiga ao senador do PP remóntanse a ese domingo de abril, cando foi interceptado, segundo o informe definitivo da Garda Civil de Tráfico, a 215 quilómetros por hora na A-52, ao seu paso por Asturianos, ao volante dun coche da Deputación de Ourense.

Antes de que o caso chegase ao Supremo, o Ministerio Fiscal presentou un escrito de acusación contra Baltar considerándoo autor dun delito contra a seguridade viaria, na modalidade de condución de vehículos de motor a velocidade superior á legalmente permitida do artigo 379.1 do Código penal.

A Fiscalía pediu unha pena de seis meses de multa a razón de cota diaria de 10 euros, o que se traduciría nuns 1.800 euros. O Ministerio Público tamén reclamou un ano e un día de privación do dereito para conducir vehículos de motor e ciclomotores para o dirixente do PP.

O xulgado de instrución acordou a apertura do xuízo oral contra Baltar por feitos supostamente constitutivos dun delito de condución de velocidade. Pero, unha vez acreditada a condición de senador designado polo Parlamento galego, acordou a inhibición e remisión das actuacións ao Supremo.

 

Comentarios