Compostela será a sede da Escola Soberanista do 23 ao 25 de xullo

Organiza o evento o Fórum Soberanista, composto por entidades políticas, culturais e sindicais dentro do movemento soberanista de esquerdas de todo o Estado español.
Un evento organizado polo Fórum Soberanista en 2020.
photo_camera Un evento organizado polo Fórum Soberanista en 2020.

Santiago de Compostela acollerá desde este sábado, día 23, e até a segunda feira, 25, a terceira edición da Escola Soberanista, unhas xornadas de reflexión e análise das que participarán entidades de todo o Estado español a nivel político, cultural e sindical dentro do movemento soberanista de esquerdas.

As organizacións galegas Fundación Galiza Sempre, Fundación Moncho Reboiras e Fundación Terra e Tempo serán as anfitrioas, xunto á Fundación Europea Maurice Coppieters.

O evento ten por obxectivo "reforzar os valores democráticos, de xustiza social, paz e respecto aos dereitos colectivos dos pobos", así como "proporcionar recursos académicos e formativos a todas as persoas asistentes".

Debateranse cuestións relacionadas coa política internacional como as "causas e consecuencias" do auxe da ultradereita

Nestas xornadas tamén se promoverá "o debate, o intercambio de ideas e a xeración de coñecementos compartidos arredor da necesidade de políticas a favor da soberanía enerxética ou a resolución de conflitos".

Outras das temáticas que sairán á palestra son a situación económica actual no contexto europeo e máis no resto do mundo, así como as "causas e consecuencias" do ascenso da ultradereita en Europa.

O Fórum Soberanista xa celebrara o pasado mes de xuño un encontro entre as entidades que o conforman, alén das anteriormente citadas: Obradoiro de ideas Láncara, Iratzar Fundazioa, Fundación Darder-Mascaró, Manu-Robles Arangiz Fundazioa, Ciemen, Fundació Irla, Fundació Nexe, Ipar Hegoa Fundazioa, Alternatiba Fundazioa, Alkartasuna Fundazioa, Fundación Aureli Escarré, Intersindical Solidaria Valenciana, Intersindical Canarias, Ahora Canarias, Grupo de Estudios Diaz del Moral, Fundació L'alternativa, Centre de Documentació Serra i Puig e Fundación Betiko.

Comentarios