O PP ve segura a Alcaldía de Castrelo da man de tránsfugas e saborea a de Viana

Os dous edís do PSdeG en Viana do Bolo pasarán hoxe ao grupo mixto. Porén, o Partido Socialista amósase convencido de que non haberá moción de censura, como si está previsto que aconteza en Castrelo de Miño. En ambos os concellos goberna o BNG. 
Encontro de membros do PSdeG en Castrelo de Miño, a pasada semana, para arroupar a única edil que fica no partido neste concello.
photo_camera Encontro de membros do PSdeG en Castrelo de Miño, a pasada semana, para arroupar a única edil que fica no partido neste concello.

"Era visto que logo das eleccións galegas habería moción de censura" en Castrelo de Miño, di a Nós Diario o alcalde deste concello, o nacionalista Esteban Suárez. "O PP e o PSOE mentiron durante os últimos meses, dicindo que tiñamos pesadelos cando alertábamos do perigo da moción, mais esta xa vén de vello, logo de moitas reunións entre eles co obxectivo de botar o BNG da Alcaldía", denuncia Suárez, que ve inevitábel a moción para o 10 ou 11 de agosto.  

"Quen se manchan son os tránsfugas e quen deles se beneficia (di Suárez en relación ao PP), e xa sabemos que aquí o Partido Popular é moi de comprar vontades, tal e como denunciou a portavoz do PSdeG, pois tamén a ela a pretenderon mercar, mais non se vendeu", relata o rexedor a este medio. Nas eleccións municipais o BNG foi a forza máis votada por tres votos de vantaxe sobre o PP. Con todo, tanto os dous partidos como o PSdeG obtiveron tres representantes no pleno. Agora, dous edís socialistas marchan ao mixto. O PSdeG exixiu a semana pasada aos dous díscolos, Francisco Pérez e Jaime Fontanes, a devolución das actas por "respecto á veciñanza", mais negáronse e votaron en contra da realización do pleno para ratificar o pacto antitransfuguismo. Precisamente, sobre este pacto banalizou o portavoz do PP e aspirante a alcalde, Avelino Pazos, afirmando que “non sei que imos debater cando hai un acordo para actualizar un pacto [o de antitransfuguismo] que data de hai 20 anos e que en 2018 o Constitucional deixou sen efecto en gran parte”. 

Esteban Suárez exixe ao PSdeG que tome cartas no asunto e ao PP que se ateña aos resultados das urnas. "Acostumábamos ver edís que marchaban ao mixto para propiciaren fóra dos seus partidos unha moción. Sorprendentemente o que aquí se dá  é unha moción con tránsfugas avalada pola dirección do PP", remarca o alcalde.
 
Edís do PSdeG abandonan o partido en Viana do Bolo

Fontes da dirección do PSdeG de Ourense confirmaron a Nós Diario que hoxe se formalizará no pleno de Viana a marcha de dous dos tres edís deste partido e que pasarán ao grupo mixto. "Non hai motivo para pensar que vaia haber unha moción de censura", explican a este medio, pois "é unha decisión persoal de dous concelleiros que deciden deixar o PSdeG porque están queimados" coa "actitude ditatorial" do alcalde [do BNG] "que prefire gobernar en minoría e facer oposición ao PSdeG", sinalan a este medio. Insisten, iso si, en diferenciar Viana de Castrelo. "Non estamos ante un caso de transfuguismo", din, razón pola que non pedirán a estes dous edís que entreguen as actas. 

Os concelleiros son Abelardo Carballo e Santiago Barxa e acusan o alcalde de manter "paralizada" Viana; algo que o rexedor, o nacionalista Secundino Fernández, desmente pondo a xestión municipal como exemplo de transformación, pese a non "contar ningún dos membros do Goberno con dedicación porque o PSdeG e o PP eliminóunola, así como a Xunta de Goberno, que tamén a suprimiron", lamenta Fernández en declaracións a Nós Diario.

"O PSdeG sempre quixo a Alcaldía" pese a ser a forza menos votada, salienta Fernández, que sinala a dificultade por este motivo de poder chegar a pactos co PSdeG. O alcalde alerta de que a operación de Castrelo si se pode dar neste concello e exixe aos socialistas que tomen cartas no asunto. 

Mugardos, Fene e Catoira tiveron moción de censura

En Mugardos, Juan Domingo de Deus (PP) arrebatou a Alcaldía a Pilar Díaz (Esquerda Unida) cunha moción de censura en decembro de 2019. Fíxoo cos votos do PSdeG, aínda que o partido expulsou os seus edís.

Onde o pacto si foi acordado polos partidos e non houbo transfuguismo  foi en Fene. Alí, en febreiro, Juventino Trigo (BNG) volveu á Alcaldía cos votos de PSdeG e EU, logo de ser despoxado do bastón de mando en 2018 por unha moción de censura do PP e da marea local.

En Catoira, Alberto García (PSdeG) logrou o mes pasado recuperar a Alcaldía pese ao fracaso da moción presentada após un acordo co PP. O alcalde, Xoán Castaño (BNG), dimitiu para frustrar a moción.

Este 24 de xullo o PP recuperou o mando en Laza, aquí sen moción, mais si cunha dimisión do rexedor Jesús Blanco (PSdeG), que denunciou unha "pinza" dos seus socios da marea local co Partido Popular.

Comentarios