XVI AN do BNG

Sanmartín fala de ambiente "festivo, de fraternidade e sororidade" na asemblea do Bloque

De proxecto “sólido”, “cohesionado” e un “referente”. Así cualificou o BNG Goretti Sanmartín, membro da Área de Organización e Política Institucional da Executiva Nacional saínte, que avaliou o decorrer da asemblea que desenvolve a organización frontista esta fin de semana na Coruña.

[Imaxe: Xaquín Soliño] Imaxe do plenario da asemblea do BNG na mañá do domingo
photo_camera [Imaxe: Xaquín Soliño] Imaxe do plenario da asemblea do BNG na mañá do domingo

A integrante da Área de Organización e Política Institucional da Executiva Nacional do BNG saínte Goretti Sanmartín salientou o ambiente “festivo, de fraternidade e sororidade” en que está a ter lugar a asemblea da formación nacionalista. De momento, sinalou en declaracións aos medios, pasaron polo Palexco da Coruña máis de 2.000 persoas “para debater e falar nun ambiente de cohesión onde poñemos enriba da mesa os retos do futuro coas vistas postas en estratexias para os próximos anos”. O fin, “relanzar o proxecto nacionalista”, engadiu en declaracións aos medios pasado o mediodía.

Goretti Sanmartín puxo de manifesto que da asemblea “sairá un BNG máis fortalecido, cunha renovación xeracional importante”. Salientou a participación de xente moza que “mira con ilusións, forza e entusiasmo un proxecto sólido e cohesionado”.

Sanmartín puxo en valor a capacidade do Bloque para se erixir nun “referente” para “boa parte da sociedade”

Na mesma liña, a integrante da Executiva Nacional saínte puxo en valor a capacidade do Bloque para se erixir nun “referente” para “boa parte da sociedade”. Tamén subliñou a ampla base social en que se sustenta o BNG, con simpatizantes e militancia “dispostas e dispostos a axudar para construír e continuar o camiño para facer do Bloque unha ferramenta imprescindíbel para o país”.

Afirmou que o momento “álxido” do conclave chegará esta tarde, após coñecer o resultado das votacións dos órganos de dirección da formación frontista e cando teña lugar a intervención da persoa que encabece o BNG nos próximos anos.

Comentarios