18-F

Sánchez dá un último impulso a Besteiro e avisa: "A caída de Rueda e Feixoo é como o cambio, imparábel"

O presidente español arroupa unha vez máis o candidato socialista á Xunta e chama os galegos a "lograr unha Xunta socialista" con "conexión directa" coa Moncloa.
Pedro Sánchez e José Ramón Gómez Besteiro, hoxe. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez e José Ramón Gómez Besteiro, hoxe. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

O líder do PSOE e presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, deu esta sexta feira un último impulso ao candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, no feche da campaña para as eleccións galegas e avisou: "A caída de Rueda e Feixoo é como o cambio na Galiza, imparábel". Sánchez visitou unha vez máis Galiza, onde se deixou ver media ducia de veces na campaña e precampaña para apoiar o aspirante socialista. Nesta ocasión participou no mitin de feche que o PSdeG organizou na capital galega e ao que asistiron unhas 1.500 persoas —segundo os datos da organización—.

O socialista asegurou que o PSOE o partido que sabe gobernar o cambio e chamou os galegos a concentrar todo o voto no partido que "sabe gobernar ese cambio". "Esa é a utilidade do voto", dixo nun mitin no que apelou aos presentes para aproveitar "até as oito da tarde do 18-F" para "falar con todos" os veciños, amigos e familiares e pedirlles "que non queden en casa". "Que voten ao PSOE e que haxa un goberno do cambio", con Besteiro como presidente.

Tras dar as grazas á militancia polo traballo desenvolvido ao longo destes 15 días, así como ao propio Besteiro, asegurou que Galiza é unha "sociedade profundamente progresista que non se resigna ao declive no que a quere transformar o PP co seu inacción e o seu inmobilismo". Así, lembrou que nas eleccións estatais do 23 de xullo "medio millón de galegos" acudiron ás urnas para votar ao Partido Socialista. "Medio millón de galegos grazas aos que hoxe temos un goberno progresista", sostivo, para sinalar que se esas persoas votan o próximo 18-F ao PSOE haberá un goberno na Galiza como o que hai no Estado, "centrado no emprego, as conquistas sociais e a convivencia".

Na súa última visita á Galiza, ademais, o líder dos socialistas considerou que ao candidato popular, Alfonso Rueda, "estáselle facendo larga a campaña" tan longa como a "lexislatura" a Feixoo. "Iso é o que sempre lle pasa á dereita cando senta na oposición, que é o que lle vai a ocorrer a Rueda, como lle ocorreu a Feixoo", indicou.

"O pasado 23 de xullo... o vindeiro domingo... os dous á oposición, porque a caída de Rueda e de Feixoo é como o cambio na Galiza, imparábel", proclamou, para criticar tamén que o PP "esconde o seu programa" e o seu candidato. "Ese partido non merece que teñan o voto maioritario da sociedade galega o próximo 18 de febreiro. Non o merecen", asegurou. Neste punto e tras referirse ás negociacións do PP con formacións independentistas para a investidura de Feixoo, Sánchez asegurou que votando ao PSOE este domingo tamén se derrota a mentira nas urnas.

No seu discurso, ademais, volveu destacar a importancia de que haxa unha "conexión directa" entre a Moncloa e a Xunta. "Necesitamos aliñar os nosos obxectivos. Necesitamos ter gobernos, tanto na Xunta como en España, que se centren no importante", sinalou para citar a creación de emprego, a conquista de dereitos sociais e a convivencia.

"E para iso necesitamos que haxa un goberno presidido por un socialista na Xunta", dixo para soster que "a mellor noticia para Galiza sería ter dous presidentes socialistas de dous gobernos progresistas". "Un na Galiza e outro en España, con José Ramón Gómez de Besteiro na Galiza e comigo á fronte do Goberno de España", dixo.

Sánchez sostivo que os galegos están "ante unha extraordinaria oportunidade para sumar forzas" e "unir as da Xunta co Goberno para facer un gran cambio", un "gran salto adiante en modernidade".

Besteiro

"Hoxe é o final dun camiño e o inicio doutro, porque quedan dous días para amencer nunha nova Galiza e deixar atrás esa casa das leas que representa o PP", dixo Besteiro, antes de trasladar o seu agradecemento a todos os presentes por acompañalo no camiño inicio o marzo do pasado ano, co seu regreso á política galega tras case oito anos apartado do foco polas súas imputacións xudiciais. Todas elas quedarían arquivadas e a xuíza que instruíu o caso, apartada.

No seu discurso no acto co que o Partido Socialista pon fin a 15 días de campaña, Besteiro volveu a chamar unha vez máis a concentrar todo o voto no PSdeG, convencido de que é "a única garantía de cambio seguro". Así, sostivo que "só hai dous camiños: o camiño da mentira que conduce ao estancamento e a resignación ou o cambio seguro e efectivo que na Galiza está garantido polo PSdeG".

Por iso, pediu o voto de "resultados, práctico, efectivo e útil" para lograr o cambio fronte aos camiños do "inmobilismo" e o das "viaxes a ningunha parte que teñen máis de desexos que de certezas".

Ademais, emprazou a "saír o 18F" a e permitir un proxecto ilusionante para articular unha Galicia "mellor, máis positiva, máis aberta, ambiciosa e orgullosa", que defende un plan de choque para a sanidade, a dependencia, a educación con libros gratuítos ou 100.000 vivendas públicas.

Comentarios