Rueda promete axudas para novas vivendas sen rematar as anunciadas
A problemática da vivenda centrou a pregunta do BNG na sesión de control desta cuarta feira ao Goberno galego. Ana Pontón lembroulle ao presidente da Xunta da Galiza a promesa electoral de realizar 4.000 vivendas públicas antes de 2028. "Deixe de enganar a xente", díxolle sobre esta promesa que cualificou de "outro bulo" dun Executivo do PP que fixo "da mentira a súa forma de goberno". Recordou que, segundo o Ministerio de Vivenda e a Xunta, desde que Rueda fixo o anuncio, o Goberno galego só construíu 47 novas vivendas públicas, reflicten os datos de 2023. Pontón lamenta que a Xunta "esconda" os datos de 2024 e 2025. "Temos que animalo a que traballe un pouco máis, porque hoxe quedan 3.953 por entregar", ironizou.
A líder nacionalista puxo sobre a mesa tres propostas concretas do BNG que, entende, poden axudar a solucionar o problema actual da vivenda.
A primeira, un plan de compra masiva de vivenda para aluguer, tendo en conta que na Galiza, segundo dixo, hai 90.000 pisos baleiros "só nas grandes cidades e que vai a haber fondos do Estado destinados a tal fin". Unha medida que, recalcou, sería "moito máis rápida, máis económica e máis sostíbel que centrarse única e exclusivamente na construción".
A segunda, a protección permanente de toda a vivenda protexida, xa que hoxe en día, asegurou Pontón, co Goberno de Rueda, "un promotor pode recibir até 40.000 euros por unha vivenda e en 15 anos pola no mercado a prezos imposíbeis". E a terceira, comprar toda a vivenda protexida que se poña en venda, "xa que nos últimos anos se perderon 6.992 vivendas protexidas porque o Executivo do PP non as comprou cando foron vendidas". Case 7.000 vivendas que “poderían destinarse a aluguer social” mais que non están aí "porque a Xunta non quixo mercalas", afondou.
"En construción"
"As vivendas das que me fala están en construción", asegurou Alfonso Rueda na súa contestación á pregunta do BNG. Para o presidente da Xunta da Galiza, a líder nacionalista "debería fixarse nos concellos que goberna o seu partido, como é o caso de Pontevedra, que si están colaborando co Goberno galego". Por iso, ironizou convidando Pontón "á entrega de 74 vivendas de protección social este ano nesa cidade", anunciou.
Ademais, Rueda, avanzou tamén unha ampliación das axudas para que concellos medianos e pequenos rehabiliten inmóbeis de titularidade municipal en desuso para transfórmalos en vivendas públicas para aluguer.
Tras a sesión de control no Parlamento, fontes do Goberno galego aclararon que o incremento das axudas será de 30% e que a nova convocatoria deste programa aprobarase este mes no Consello da Xunta. Alfonso Rueda apuntou, neste caso, que o Goberno galego financiará 95% do custo das obras de reforma e o seu "carácter social" quedará, así, "blindado".
Besteiro cre que Rueda "prevaricará" se aproba Altri
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, sinalou esta cuarta feira na sesión de control que Altri é o "fracaso persoal" de Alfonso Rueda e lembroulle que a decisión final sobre a macrocelulosa "é exclusiva da Xunta", que non pode seguir prolongando os prazos nin agochándose "tras informes incompletos". O líder socialista lanzou unha advertencia directa ao presidente da Xunta, logo de que Rueda evitara dar unha resposta á pregunta formulada polo PSdeG sobre o futuro do proxecto Altri. "Se vostede non ten o valor de denegar Altri, estará cometendo algo peor ca un erro político: estará cruzando a liña da prevaricación", afirmou.
Ademais, Besteiro criticou con dureza "a falta de transparencia da Xunta" sinalando que "mantivo oculto o pacto con Altri articulado a través de Impulsa Galiza, un acordo que nunca se explicou publicamente e cuxa documentación desapareceu da web institucional". "O pacto existe e vostedes agochárono. Cando algo se agocha é porque non se pode contar", engadiu. Así, o secretario xeral do PSdeG, asegurou que os socialistas son agora mesmo o "dique de contención" fronte á macrocelulosa na Galiza e no Estado español. Neste sentido lembrou que "nin o Goberno español nin a UE avalan hoxe a iniciativa de Altri".

