A Xunta promete 20.000 vivendas protexidas "con só tres rematadas"

As últimas promesas en materia de vivenda para atallar un dos maiores problemas que sofre hoxe Galiza non convencen a BNG e PSdeG, que demandan un maior compromiso ao Goberno.
María Martínez Allegue, Alexandra Fernández e Aitor Bouza, no Parlamento da Galiza. (Foto: Nós Diario)
María Martínez Allegue, Alexandra Fernández e Aitor Bouza, no Parlamento da Galiza. (Foto: Nós Diario)

A conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, compareceu onte no pleno do Parlamento da Galiza para facer balance das actuacións da Xunta en materia de vivenda “no que vai de lexislatura”. Martínez Allegue comezou recoñecendo que a vivenda é “a principal preocupación da cidadanía” porque “hai máis demanda que oferta”. Fronte a esta situación, anunciou unha “estratexia de desenvolvemento de solo residencial” que proporcionará para o ano 2028 un total de 25.000 novas vivendas, “das que 20.000 serán protexidas”.

A deputada do BNG Alexandra Fernández puxo en cuestión os “anuncios e titulares” da Xunta, salientando que no ano 2024 apenas “rematou cinco vivendas protexidas, e no que vai de 2025 foron tres as vivendas rematadas”. Fernández criticou a fin da vixencia do Plan de vivenda 2021-2025 da Xunta da Galiza “sen que nos dean as cifras do que fixeron”, e criticou que nestes últimos cinco anos “estamos moito peor e cada vez é máis difícil o acceso á vivenda”.

A deputada nacionalista precisou que en 2021 era preciso un esforzo de 26% do salario para mercar unha vivenda; “hoxe é de 31%”, dixo. No caso dos alugueres, destacou que subiron neste período 36%. Na práctica, puxo como exemplo, “non hai unha sección censual na cidade da Coruña onde o esforzo do salario sexa inferior a 30% para afrontar un aluguer”.

As cifras defendidas por Martínez Allegue tampouco convenceron no PSdeG, cuxo parlamentario Aitor Bouza culpou os gobernos do PP na Xunta da situación actual da vivenda na Galiza: “Levan desde 2009 e hoxe vén dicir que non hai vivenda; pois é porque non a fixeron”, reprochou á conselleira.

A Valedora do Pobo, subliñou, "vén advertindo desde 2014" deste problema, mais a Xunta pasou dun orzamento destinado á vivenda de 109 millóns de euros en 2009 aos "indecentes 3 millóns" en 2017, dos que, ademais, "non executaron nin a metade”.

3.000 vivendas "en marcha"

A conselleira de Vivenda insistiu na “folla de ruta” da Xunta en materia de vivenda e no “reto de lexislatura” de duplicar o parque de vivenda protexida –de 4.000 a 8.000– “nun tempo récord e a velocidade de cruceiro”. Nun ano e medio, concretou, “temos en marcha máis de 3.000 vivendas, e en 2026 entregaremos os primeiros fogares na Coruña, Pontevedra e Santiago”.

A oposición cualificou de “fume e propaganda” o anuncio. Alexandra Fernández cifrou en “menos de 1.000 as novas vivendas licitadas en fase de construción en tres anos” e criticou que “falan de vivendas en marcha por mover un papel”. Mentres, lembrou que son 22.680 as persoas inscritas na Galiza como demandantes dunha vivenda pública.

Martínez Allegue tamén anunciou no pleno un aumento da partida orzamentaria para o 'Bono Aluguer' de 1 millón de euros para atender “2.000 solicitudes que quedaron fóra por esgotarse o orzamento”. Tamén neste punto Aitor Bouza criticou os “anuncios de pandeireta” da Xunta, asegurando que “tres de cada catro peticións de axuda ao aluguer quedaron fóra”. Bouza cifrou en 12.000 os solicitantes que quedan por atender, “co que con este anuncio de cartos para 2.000 máis haberá 10.000 persoas fóra das axudas”.

Comentarios