Rueda menospreza unha quita da débeda de 4.100 millóns de euros para a Galiza

O pacto de investidura entre o BNG e o PSOE incluía a condonación.

O Goberno español levará á reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira (CFFP) desta cuarta feira unha proposta de quita da débeda de 83.252 millóns para as comunidades, 4.010 millóns para a Galiza. Unha proposición que foi desdeñada polo presidente galego, Alfonso Rueda, que dixo que a quita "á Galiza non lle soluciona nada". 

Sen titulo
María Jesús Montero, Alberte Núñez Feixoo e Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)

Mañá de vertixe a desta segunda feira a apenas 48 horas da reunión do Consello de Política  Fiscal e Financeira na que o Goberno estatal e as comunidades autónomas van sentar para falar da débeda e coa quita pairando sobre a orde do día. A Galiza chegaba á convocatoria cun historial de declaracións do seu presidente, Alfonso Rueda, contrarias a unha quita malia a oportunidade que abría para a Galiza o acordo asinado en novembro de 2023 entre BNG e PSOE para investir Pedro Sánchez e que fixaba unha redución da débeda pública galega na mesma proporción que a que se acordase para Catalunya.

O líder de ERC, Oriol Junqueras, anunciaba na mañá desta segunda que o seu partido chegara a un acordo co Goberno estatal para a condonación de 22% da débeda catalá do Fondo de Liquidez Autonómico (FLA). Segundo avanzou en rolda de prensa, o pacto recolle o perdón de 17.104 millóns de euros dunha débeda "inxusta, que non debería existir". Axiña compareceu a vicepresidenta primeira e ministra de Facenda, María Jesús Montero, para anunciar que o Goberno español viña de remitir nesa xornada ás comunidades a proposta que levará perante o CPFF para a condonación de até 83.252 millóns de euros da débeda de todas as comunidades autónomas. A Galiza corresponderíalle unha quita de 4.010 millóns de euros .

Rueda e o "non nos vale"

O presidente galego tivo que pronunciarse na súa comparecencia após a reunión semanal do Goberno galego e ante as preguntas da prensa sobre se aceptará esa quita da débeda galega. "Isto [a quita] é algo que quere facer o Goberno central cos seus socios. Todo o demais é só para complementar ese acordo", dixo o titular da Xunta. Criticou que na cita do CFFP da cuarta feria non figure na orde do día o debate sobre o modelo de financiamento. "Galiza necesita un novo modelo de financiamento, estamos infrafinanciados en millóns de euros", sostivo, polo que se a proposta que o Ministerio de Facenda leva á xuntanza é a condonación dunha parte da débeda, "a nós non nos vale". Preguntado directamente para que respondese cun si ou un non sobre se esta cuarta feira ía o Goberno galego aceptar esa condonación da débeda, Rueda afirmou que "a condonación á Galiza non lle soluciona nada", engadindo que "perderiamos moito se aceptamos que isto vai de condonación". Mais evitou confirmar que votarían non á proposta. "En canto á votación [no CFFP], estamos a coñecer de que vai a proposta, déixenma analizar. A cuarta feira temos claro o que temos que decidir mais o que imos sabendo non dá boas perspectivas”.

Porén, e pouco despois da comparecencia de Rueda, o presidente do PP español e ex presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, desbotaba desde Madrid calquera posibilidade de que o Goberno galego tivese unha postura propia. Anunciou que as comunidades autónomas gobernadas polo seu partido votarán en contra da condonación da débeda. "Os presidentes do Partido Popular van votar que non. Van votar que non á desigualdade, a que se premie a mala xestión, os privilexios e a compra da Presidencia do Goberno español con pago en efectivo do diñeiro de todos", declarou Núñez Feixoo.

O BNG: "Rueda pon os intereses do PP por riba" 

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, indicou que o acordo de investidura que asinou o BNG garante que no caso da Galiza a condonación —da débeda pública— e/ou a compensación —da existente coa banca— non fique por baixo da acordada con Catalunya. "Se Alfonso Rueda renuncia a pedir a condonación da débeda para a Galiza, estará a traizoar os intereses do noso país. A responsabilidade será do PP", sinalou o representante nacionalista. "A condonación da débeda permitirá destinar recursos a servizos públicos fundamentais. O PP prefire pór os seus intereses partidistas por riba do benestar da cidadanía galega", afirmou Rego. O BNG advertiu que "non imos permitir ningún tipo de discriminación nin agravio comparativo contra o noso país".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, demandou a Rueda que defenda a "camiseta  da Galiza" e reclame a quita da débeda "negociada polo BNG co PSOE," en lugar de "boicotear un acordo de investidura que lle permitiría a este país aforrar miles de millóns de euros". Pontón instou o Goberno galego a "defender os intereses da Galiza e reclamar o mesmo trato de condonación de débeda que reciban outras comunidades autónomas". "A submisión e o servilismo de Rueda a Madrid sáelle moi cara á Galiza", concluíu.

Besteiro fala de "actitude antigalega" de Rueda

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, tamén criticou a postura do Goberno galego, cualificando como "actitude antigalega" do presidente da Xunta o seu rexeitamento da condonación da débeda e acusouno de "submisión" aos intereses do PP español. Lamentou Besteiro que Rueda prefira "manter unha posición que prexudica os intereses da Galiza, priorizando a lealdade partidista sobre o benestar dos galegos e galegas".


O Goberno só precisa un apoio

O Goberno español necesitará esta cuarta feira o voto dunha soa comunidade autónoma para aprobar no Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) a súa proposta para condonar 83.252 millóns de débeda autonómica malia o rexeitamento das comunidades do PP, xa que o Ministerio de Facenda conta coa metade dos votos neste foro multilateral. Desta forma, bastaralle só o apoio de Catalunya, que xa manifestou que respalda a medida, para sacar adiante a medida de condonación da débeda. O habitual é que o Goberno español  acabe gañando as votacións no Consello de Política Fiscal e Financeira, xa que o Ministerio de Facenda dispón da metade dos votos, mentres que os representantes das comunidades dispoñen cada un deles dun voto.

Comentarios