Rueda rexeita unha condonación da débeda galega de 4.010 millóns de euros
O presidente da Xunta da Galiza oponse á proposta do Goberno do Estado que reduce a débeda galega en 32,9%
Alfonso Rueda sinalou esta segunda feira na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta da Galiza a súa negativa a aceptar a redución da débeda pública galega proposta pola Ministra de Facenda do Goberno do Estado, María Jesús Montero.
A alternativa formulada polo Executivo estatal implica reducir a débeda galega en 4.010 millóns de euros, o que significa unha rebaixa de 32,9% do total da débeda galega, situada no mes de setembro, último mes con datos, en 12.165 millóns de euros.
A débeda pública galega tense incrementado desde 2009, ano da chegada do Partido Popular ao Goberno galego, en 8.571 millóns de euros. Se á volta do primeiro trimestre desa anualidade sumaba 3.954 millóns e equivalía a 6,8% do produto interior bruto (PIB) da Galiza, a finais de setembro de 2024, último mes con cifras, chegaba a 12.165 millóns de euros, representando perto de 17,4% do PIB.
Rueda cargou contra a proposta que a ministra de Facenda levaraáao " o Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) da cuarta feira, asegurando que “non nos vale” a condonación de 4.010 millóns de euros da débeda galega.
O mandatario galego apuntou que "Galiza necesita un novo modelo de financiamento" ao estar "infrafinanciada" en "varios centos de millóns". Nesta dirección, asegurou que Galiza "non necesita a condonación".
"Se como parecer ser Consello de Política Fiscal e Financeira, o vai ser simplemente para falar de condonación, iso para nós non é o que queremos", explicou Rueda, que nos meses pasado, tamén, se opuxo a un novo modelo de financiamento.
O presidente da Xunta continuou asegurando que "se iso é o único que ten que ofrecer o Ministerio, que parece ser que si, a nós non nos vale, xa sen entrar en cifras, o que teremos que asumir a condonación doutras comunidades autónomas moito máis endebedadas".