ERC logra para Catalunya a condonación de 17.104 millóns de euros de débeda, unha quita que Rueda desbotou pedir

A quita pactada supera a quita comprometida en novembro de 2023, no acordo de investidura de Pedro Sánchez.
Oriaol Junqueras en rolda de prensa este 24 de febreiro. (Foto: Europa Press)
Oriaol Junqueras en rolda de prensa este 24 de febreiro. (Foto: Europa Press)

O líder de ERC, Oriol Junqueras, anunciou que o seu partido chegou a un acordo co Goberno estatal para a condonación dun 22% da débeda catalá do Fondo de Liquidez Autonómico (FLA). Segundo avanzou en rolda de prensa esta segunda feira, o pacto recolle o perdón de 17.104 millóns de euros dunha débeda "inxusta, que non debería existir". "É unha cantidade equivalente a todo o que o Govern de Catalunya gasta ou inviste anualmente en saúde, educación, universidades e investigación", subliñou.

O anuncio ten lugar días antes da reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira. En termos globais, explicou o presidente dos republicanos, supón unha redución do 19,9% da débeda de Catalunya, mentres que representa un 22% da débeda do Fondo de Liquidez Autonómico.

Junqueras sacou peito polo acordo logrado e gabouse de ter ido máis aló que estaba previsto no acordo de investidura asinado co Goberno de Pedro Sánchez en novembro de 2023. Entón, comprometéranse a unha condonación de 20% da débeda. "ERC non quere chegar a acordos, ERC quere chegar a bos acordos", subliñou o presidente de Esquerra en rolda de prensa, que durante este mes de febreiro xa deixara claro que se tiña que materializar o pacto asinado hai case ano e medio.

A proposta do Goberno estatal 

A vicepresidenta primeira e ministra de Facenda, María Jesús Montero, anunciou na mesma rolda de prensa que esta cuarta feira levará ante o Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) a proposta de condonación de até 83.252 millóns de euros da débeda de todas as comunidades autónomas, que pasaría a asumir a Administración Xeral do Estado.

Segundo desvelou, Facenda remitiu este mesmo 24 de febreiro aos diferentes Gobernos autonómicos a metodoloxía que determina o importe que vai ser asumido polo Estado e que poderán votar os territorios en dous días no propio Consello de Política Fiscal e Financeira.

"Oportunidade perdida"

A este respecto, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tachou de "oportunidade perdida" este encontro, ao non incluír o Ministerio de Facenda abordar o financiamento autonómico. En rolda de prensa posterior ao Consello de la Xunta, Rueda lamentou que será un CPFF "incompleto se non se fala de financiamento" autonómico e criticou que o Ministerio "retirase" da orde do día esta cuestión para centrarse nas condonacións de débeda. Con todo, espera que "se poida aprovietar o máximo posíbel" esta reunión, de modo que, "se non queren falar de financiamento", vai reclamar que se proceda á actualización "inmediata" das entregas a conta.

Ademais, Rueda exixe ao Goberno do Estado actualizar as entregas a conta, xa que Galiza están "a deixar de ingresar 127 millóns cada mes". O presidente da Xunta pide que se ingrese a Galiza o que se "debe", pois lembra que ese diñeiro "pertence" ás comunidades en función dos tributos recadados en 2023 e "non poden quedar a vontade" do Executivo estatal.

A respecto diso, remarcou que os atrasos nestas partidas obrigaron a Xunta a pagar 10 millóns de euros o ano pasado en intereses para contar con liquidez, unha cifra que pode ascender a 14 millóns este ano, segundo os seus cálculos. Por todo iso, o titular da Xunta advirte de que esta actualización é só "cuestión de vontade", debido a que subliña que "non é necesario" ter aprobados os Orzamentos Xerais do Estado.

Firme oposición de Rueda a unha quita

Na Galiza, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantén a súa oposición a unha quita da débeda que o pasado mes de outubro, malia centrar a axenda mediática a raíz da rolda de encontros que o presidente español mantivo cos seus homólogos nas comunidades autónomas para abordar unha posíbel reforma do sistema de financiamento, apenas tratou con Pedro Sánchez.

O mandatario galego defende que a condonación suporía un "negocio ruinoso" segundo manifestou no Parlamento galego nun pleno, o do pasado 25 de setembro, no que ficou só defendendo esta postura fronte ás fortes críticas da oposición.

No caso de replicar o Goberno estatal na Galiza o pacto selado en Catalunya —condonación de 20% da débeda contraída co Fondo de Liquidez Autonómica (FLA), cuxo pacto definitivo supera en dous puntos o previsto—, a contía adebedada co Estado reduciríase nuns 462 millóns de euros.

Mais a contía podería chegar a ser significativamente superior, pois o acordo asinado en novembro de 2023 entre BNG e PSOE para investir Pedro Sánchez fixaba unha redución da débeda pública galega na mesma proporción que a acordada para Catalunya. O documento prevía "medidas compensatorias análogas para Galiza, no marco das compensacións a aquelas comunidades autónomas que non fixeron uso do FLA" e preferiron endebedarse co sector privado, como no caso galego, polo que a quita podería ascender até 20% do total da débeda; é dicir, uns 2.616 millóns.

[EN AMPLIACIÓN]

Comentarios