Rueda expresa a súa confianza en Paula Prado e Isabel Díaz Ayuso mentres xorden dúbidas dos negocios das súas parellas

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, volveu aproveitar a rolda de prensa posterior ao Consello do Goberno galego para facer oposición ao Executivo estatal. Rueda afeou a Pedro Sánchez a súa decisión de non tramitar os orzamentos de 2024, cualificando a proposta de “malísima noticia”.Ao tempo, defendeu a honorabilidade dos negocios das parellas das dirixentes populares Isabel Díaz Ayuso e Paula Prado.

20240314_consello_03
photo_camera Diego Calvo e Alfonso Rueda durante a sesión do Consello da Xunta. (Foto: Europa Press).

O presidente do Goberno galego avanzou o encargo dun informe á Consellaría de Facenda para determinar o impacto para Galiza de non contar o Estado cunhas contas públicas para o exercicio de 2024. Nesta liña, criticou o presidente do Goiberno español, Pedro Sánchez, e sinalou que “a ausencia de orzamentos impedirá desenvolver moitas actuacións previstas, en ámbitos tan importantes como as infraestruturas”.

O mandatario galego asegurou que “creo desde hai tempo que en España non hai un Goberno e creo que esta decisión confírmao". A este respecto, indicou en que “non vai haber orzamentos pola convocatoria electoral en Catalunya, o presidente Pedro Sánchez despois de aprobar a Lei de Amnistía que lle vai permitir seguir no poder, considera agora que non é prioritario contar con orzamentos”.

Aliás, Rueda, a preguntas da presa, defendeu a presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, e a secretaria xeral do PP galego, Paula Prado, cuestionadas nos últimos días polas actividades profesionais das súas respectivas parellas. Neste sentido, destacou que “Ayuso, a diferenza de Sánchez ofreceu explicacións sobre os feitos que se imputan á súa parella e dá a cara, mentres que o presidente do Goberno do Estado cala”.

O caso Paula Prado

O xefe do Executivo galego expresou a súa confianza na secretaria xeral do PP galego, remitíndose ás explicacións emitidas pola dirixente dos populares galegos, unha vez que se coñeceu que a empresa Allwork Vestuario Laboral SL aumentou a súa facturación nun ano de 66.000 euros a 229.227, empuxada polos contratos públicos, tras entrar como socio o marido de Paula Prado. A este respecto, a dirixente do PP lamentou “que se poña en dúbida a miña honestidade e a da miña familia co único obxectivo de facer dano, empregando difamacións, mentiras e opinións subxectivas".

Acordos do Consello

A sanidade, o urbanismo a as infraestruturas centraron a orde do día do Consello da Xunta. Neste sentido, o Goberno galego aprobou a construción dun novo centro de saúde en Vilagarcía de Arousa e licitou as obras de humanización da sala de agarda de Oncoloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS). Na mesma dirección, acordou a contratación do tramo entre Viveiro e Ourol da estrada Lu-540 e dun plan de aforro enerxético para os edificios da Xunta da Galiza do barrio compostelán de San Lázaro.

O Goberno galego acordou, tamén, sacar a poxa pública 142 baixos comerciais e as 369 prazas de garaxe emprazados nos inmóbeis de promoción pública propiedade da Xunta da Galiza. Ao tempo, o Consello da Xunta aprobou un protocolo para permitir a empresas privadas externas aos Concellos emitir os informes urbanísticos preceptivos para as concesións das licenzas de obra. 

Comentarios