Unha empresa multiplicou a contratación coa Xunta após 'fichar' o marido de Paula Prado

Allwork Vestuario Laboral, da que é socio Francisco Antonio Otero Illodo, recibiu 38 contratos 'a dedo' da Xunta desde 2020, segundo 'O Salto'.
Alfonso Rueda e Paula Prado, na noite electoral do 18-F celebrando os resultados. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera Alfonso Rueda e Paula Prado, na noite electoral do 18-F celebrando os resultados. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

Unha información publicada esta quinta feira por O Salto pon no albo a secretaria xeral do Partido Popular na Galiza e deputada no Parlamento, Paula Prado. A sociedade Allwork Vestuario Laboral S.L., cuxo domicilio social figura no número 28 da Avenida de Coímbra de Santiago de Compostela, incluíu como socio a Francisco Antonio Otero Illodo, actual marido de Prado —precisa o citado medio—, o 13 de marzo de 2020, o mesmo día que Pedro Sánchez avanzou a declaración do estado de alarma. Otero pasaba así a ser administrador solidario da compañía canda José María Regueiro Frey.

Con anterioridade ao ano do estalido da pandemia, sempre segundo O Salto, Allwork apenas se beneficiara de contratos públicos, pois unicamente contratara en 2019 con Augas da Galiza por valor só de 182 euros. Nos tres anos seguintes, porén, as adxudicacións disparáronse: 38 contratos menores —é dicir, 'a dedo'— con diferentes organismos públicos, por un importe total que ascende a 145.975 euros, a maioría deles destinados ao subministro de equipos de protección individual (EPI), especialmente demandados durante a pandemia. O obxecto social da sociedade é o "comercio ao por maior e ao por menor de produtos téxtiles, de confección e calzados".

E os beneficios da empresa pasaron dos pouco máis de 66.000 euros do exercicio de 2019 a 229.227 ao remate de 2020, o ano de maior impacto da pandemia de Covid-19. A propia Prado respondeu esta quinta feira perante un comunicado difundido nas súas redes sociais no que nega ningún trato de favor.

"Quero lamentar que se poña en dúbida a miña honestidade e a da miña familia co único obxectivo de facer dano, empregando difamacións, bulos e opinións subxectivas", di. A respecto do caso de Allwork, coa que afirma que o seu marido traballa desde a súa creación en 2015, antes de pasar a ser administrador solidario, precisa que é unha empresa "provedora de todo tipo de clientes", tanto do sector privado como do público, con administracións "de moi distinto signo político".

E, neste sentido, afirma que desde 2020 asinou até 75 contratos co Concello de Ames e ten facturado tamén co de Santiago. Asegura tamén que as adxudicacións públicas supoñen só "7,87%" da súa facturación total. E os dependentes da Xunta da Galiza, "un 2%".

Prado defende que o seu marido "gaña a vida con honradez" e non pertence á esfera pública, e engade que estas informacións, que cualifica de "mentiras", non a van "amedrentar" porque di estar "absolutamente tranquila".

Comentarios