Rueda di que "non necesitamos" a quita e o BNG e o PSdeG ínstano a aceptala

O titular da Xunta reiterou que á Galiza a condenación "non lle convén".
Sen titulo
Alfonso Rueda, Ana Pontón, Gómez Besteiro e Armando Oxea. (Foto: Nós Diario)

Rueda, reiterou esta terza feira o seu rexeitamento a unha quita da débeda galega. Para a oposición, o posicionamento do titular da Xunta da Galiza responde a un "servilismo" ao Partido Popular e lamentan que este comportamento lle vaia custar a Galiza máis de 4.000 millóns de euros.

O mesmo discurso que esta segunda feira, cando se coñeceu a proposta dunha quita da débeda para a Galiza de 4.010 millóns de euros; e o mesmo discurso que mantén desde finais de 2023, cando BNG e PSOE asinaron un pacto de investidura de Pedro Sánchez que fixaba unha redución da débeda pública galega na mesma proporción que a que se acordase para Catalunya. Alfonso Rueda volveu esta terza rexeitar a condonación da débeda. Reafirmouse en que a condonación da débeda é "un negocio que á Galiza non lle convén" e escudouse en que o que urxe é un novo modelo de financiamento autonómico. Como se aceptar a condonación fose impedimento para un novo modelo de financiamento.

Para Rueda "non ten sentido" que a Galiza se vexa "embarcada" nunha vía activada, baixo o seu punto de vista, exclusivamente para "solucionar o problema a quen si que gastou moito máis do que podía". "Non é a nosa necesidade que se nos condone a débeda, nin o pedimos. Non necesitamos que se nos perdoe a débeda, necesitamos que se negocie un novo sistema de financiamento", engadiu o titular da Xunta. O mandatario galego considera que o que pretende o Executivo estatal é levar "a unha negociación que non se pediu e na que nada teñen que gañar" comunidades como a Galiza..

Ana Pontón:"Ninguén vai entender esta traizón"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu a Alfonso Rueda que rectifique a súa posición. Pontón preguntouse se “a submisión e o servilismo” do Goberno galego ao "PP de Madrid pode chegar ao extremo de que queira facer perder a Galiza 4.000 millóns de euros” Lamentou a líder nacionalista que ao presidente da Xunta non lle importe "traizoar os intereses dos galegos e das galegas".Ninguén vai entender, dixo, "semellante disparate e semellante traizón a Galiza".

Pola súa parte, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, cualificou de "irresponsábel" a Rueda por antepor o "interese partidista" do líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, a Galiza e lembrou que a partida para o pago da débeda galega é a terceira máis alta dos Orzamentos autonómicos, que ascende a 1.763 millóns para o exercicio 2025.

Gómez Besteiro: "Rueda é o único galego en contra"

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, situou Alfonso Rueda, como "o único" galego que se opón a que o Estado perdoe unha débeda de 4.000 millóns de euros á Galiza, cos que "poderían facerse moitísimas cousas, e todas elas boas".

"Se a vostede perdóanlle un 33% da débeda que ten, diría que si? Nove de cada dez galegos e galegas preguntados hoxe din que si. Só hai un, que é Rueda, que di que non", manifestou o líder do PSdeG, que avanzou que os deputados e deputadas galegas do PSOE no Congreso apoiarán a quita.

Oxea: "Mutualiza a débeda, non é xusto"

Armando Oxea, deputado de Democracia Ourensá, manifestou a Nós Diario que "sen que sirva de precedente, coincido do PP", pois entende que as quitas supoñen e "mutualizar" as débedas, que pasan de ser das comunidades a ser débeba do Estado. 

Sumar: "Boa pero insuficiente"

A portavoz de Sumar no Congreso e deputada pola circunscrición de Pontevedra, Verónica Martínez, afirmou que a quita de débeda é "boa pero insuficiente", polo que pide medidas adicionais e un novo sistema de financiamento.

Comentarios