Pontón exixe a Rueda que reclame a redución da débeda galega negociada entre BNG e PSOE

A voceira nacional do BNG crítica ao mandatario galego que antepoña os intereses do PP aos do país.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, este sábado. (Foto: Arxina)
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. (Foto: Arxina)

Ana Pontón reaccionou a proposta do Ministerio de Facenda anunciando unha quita da débeda pública galega de 4.010 millóns de euros urxindo ao mandatario galego a que defenda a “camiseta” de Galiza e reclame a quita da débeda negociada polo BNG co PSOE.

Pontón urxiu a Rueda a traballar pola condonación da débeda publica galega “en lugar de boicotear un acordo de investidura que lle permitiría a este país aforrar miles de millóns de euros nunha débeda que o PP triplicou”.

 “O que lle pido ao señor Rueda é que e vez de defender as siglas do Partido Popular defenda os intereses dos galegos e das galegas aceptando unha condonación da débeda”, afirmou Pontón.

A voceira nacionalista lembrou que unha quita da débeda galega “vai permitir aforrar miles de millóns de euros e, polo tanto, teremos máis recursos para destinar á sanidade, educación, vivenda ou á dependencia, algunhas das grandes cuestións que afectan a cidadanía”.

A dirixente do BNG instou ao xefe do Executivo galego a deixar de facer “seguidismo á rúa Xénova” para pórse a defender “a camiseta de Galiza”, o que pasa por “esixir a condonación da débeda que xa ten negociada o BNG no acordo de investidura co PSOE”.

“O Goberno de Rueda”, continuou Pontón, “debe defender os intereses da Galiza e reclamar o mesmo trato de condonación de débeda que reciban outras comunidades autónomas”.

A “submisión” de Rueda a Madrid

A portavoz do BNG rematou asegurando que “a submisión e o servilismo de Rueda a Madrid sáelle moi cara a Galiza”.        

Comentarios