Resultados en tempo real e datos por concellos: así será a cobertura especial de 'Nós Diario' na xornada electoral

'Nós Diario' ten todo pronto para a cobertura das eleccións europeas deste domingo, 9 de xuño.

montaxe_coberturaNOS_jpg
photo_camera O domingo pódese seguir a actualidade electoral en nosdiario.gal

Nós Diario despregará unha cobertura especial para as eleccións europeas deste domingo, 9 de xuño, unha cita na que están chamados a votar 360 millóns de persoas na UE, das cales 2,7 millóns residen naGaliza.

A cobertura principiará a partir das 20:15 horas, unha vez fechen as mesas e se coñezan as primeiras estimacións da composición do novo Europarlamento fornecidas directamente pola Cámara europea.

A cobertura de Nós Diario incluirá os resultados en tempo real e por cada concello da Galiza, entre outras informacións destacadas. O primeiros resultados provisionais poderanse coñecer cara ás 23:15 horas, segundo as previsións do propio Parlamento europeo.

A cobertura no dixital terá a súa continuidade ao día seguinte dos comicios, segunda feira 10 de xuño, neste soporte ao tempo que se prepara toda a información sobre os resultados e panorama político para a edición en papel, de Nós Diario.

Un total de 2.702.424 persoas están chamadas a votar na Galiza  para participar na elección dos 61 escanos —2 máis que en 2019— que lle corresponden ao Estado español dos 720 que integran o Parlamento Europeo.

Desde as anteriores europeas, hai 5 anos, houbo cambios de calado en non poucos aspectos, na Unión Europea, desde o económico e social até o político, o xeoestratéxico ou o cultural. Todo iso marca o escenario no que os galegos e as galegas terán que votar dentro de dúas semanas, cun voto que tamén indicará que papel se quere para a Galiza no seo das UE. 

Nestes comicios concorren no Estado español un total de 33 candidaturas.

Máis en POLÍTICA
Comentarios