O BNG presenta unha lei de residencias para un modelo público que “garanta o dereito á vellez digna”

Ana Pontón defende pór en 100 o máximo de prazas por residencia, que 90% das habitacións sexan individuais, así como un censo único de usuarias e usuarios, un corpo de inspección específico e un portal de transparencia que facilite toda a información dispoñíbel de cada centro.
Olalla Rodil e Ana Pontón piden un sistema público de residencias (Foto: Nós Diario)
photo_camera Olalla Rodil e Ana Pontón piden un sistema público de residencias (Foto: Nós Diario)

O BNG rexistrará no Parlamento unha lei de residencias de maiores que, entre outras medidas, porá un máximo de 100 persoas usuarias por centro, sexa público ou privado. A norma, que prevén rexistrar en xaneiro, terá tres obxectivos fundamentais: garantir o dereito "a unha vellez digna", constituír "un sistema público de coidados forte" e "situar as persoas no centro" deste servizo. Así o explicou en rolda de prensa esta segunda feira, 20 de decembro, a viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, xunto á líder da formación, Ana Pontón, que explicou que esta proposición de lei constará duns 40 artigos.

No primeiro apartado, dedicado aos requisitos materiais e de recursos humanos, propoñen que os xeriátricos sexan "máis pequenos e humanizados" ao blindar o máximo de 100 usuarios. As instalacións funcionarían por módulos de até 25 persoas, que se reducirán a 20 se hai grandes dependentes.

En canto ás habitacións, propoñen que 90% sexan individuais e que se permita ás e os maiores levar o mobiliario da súa vivenda. Tamén apunta a necesidade de que as residencias se integren nos centros urbanos.

Ademais, estabelece un incremento das ratios de persoal por usuario, sen contabilizar para este cálculo aquel de categorías non sociosanitarias.

Atención personalizada

Propoñen que cada usuario teña un plan de actuación "individualizado" con "obxectivos" determinados e un programa específico.
A norma inclúe un réxime sancionador para garantir "transparencia" no sistema e estabelece a creación dun corpo específico de inspectores na Consellaría de Política Social, dado que agora este departamento "apenas ten unha ducia" .

A lei obrigará a publicar as actas de inspección e as sancións. De facto, segundo as cifras oficiais que solicitou o Bloque e que "custou moito conseguilas", apuntou Rodil, a Galiza dispón de 21.944 prazas en 383 centros.

Isto sitúa Galiza con tres prazas por cada 100 maiores de 65 anos, "moi lonxe" da ratio de cinco prazas que recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS).

Rodil acrecentou que oito de cada dez están "xestionadas por grandes grupos de investimento, como DomusVi ou por fundacións relixiosas". A ese respecto, a lei inclúe unha folla de ruta para que aqueles centros públicos que agora están xestionados por entidades privadas pasen a estar dirixidos pola Xunta. 

Comentarios