martes 15/06/21

A patronal española ficha a exministra Fátima Báñez para a súa Fundación

Bañez foi a encargada de levar a cabo a reforma laboral de 2012 durante o goberno de Mariano Raxoi.

A exministra Fátima Báñez (Óscar J.Barroso / Europa Press)
A exministra Fátima Báñez (Óscar J.Barroso / Europa Press)

Fátima Báñez, exministra de Emprego no Goberno de Mariano Raxoi, comezou a traballar para a Fundación da Conferderación Española de Organizacións Empresariais (CEOE) co obxectivo de  xestionar o proxecto 'Empresas que axudan' que coordina as iniciativas solidarias que parten das empresas para contribuír a facer fronte á Covid-19.

Ademais de Báñez, a Fundación CEOE incorpora ao seu padroado ao expresidente da Confederación Empresarial de Madrid (CEIM) Juan Pablo Lázaro, e ao membro da Xunta Directiva de CEOE, Joan Gaspart, segundo informou esta sexta feira a patronal nunha nota.

Báñez foi a encargada de levar a cabo a reforma laboral que aprobou o PP no ano 2012, duramente criticada polos sindicatos e cuxos aspectos máis lesivos para as traballadoras e traballadores comprometeuse a derrogar o Goberno actual, do PSOE e Podemos.

A exministra, que deixou a política en marzo do ano pasado coa intención de incorporarse á empresa privada, xa traballara o pasado mes de decembro nos Laboratorios Farmacéutico Rovi como conselleira, coa categoría de externa independente.

comentarios