Rego advirte que o PP terá que explicar "por que non queren que a Galiza teña tren de proximidade"

O deputado do BNG denuncia que o PP tentou eliminar no Senado a disposición que garante a implantación do tren de proximidade na Galiza, unha conquista lograda polo BNG na negociación da Lei de mobilidade sustentábel.

Néstor Rego, portavoz do BNG no Congreso. (Foto: Nós Diario)
Néstor Rego, portavoz do BNG no Congreso. (Foto: Nós Diario)

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, cargou esta quinta feira contra a actuación do PP no trámite final da Lei de mobilidade sustentábel. O nacionalista acusou o PP de "negar o déficit histórico en infraestruturas que sofre a Galiza" e de intentar borrar, mediante unha emenda no Senado, a referencia explícita á implantación dun servizo ferroviario de proximidade no país, un avance introducido polo BNG no texto da lei.

Rego celebrou que a votación do Congreso restitúa o articulado inicial, mantendo así a disposición adicional que obriga o Estado español a iniciar a creación dun servizo de proximidade ferroviaria na Galiza. "Afortunadamente, a votación do Congreso implica a volta ao texto primeiramente acordado e manterase a disposición adicional específica sobre a implantación das cercanías ferroviarias na Galiza conseguida polo BNG".

O deputado lembrou que a Galiza é "o único territorio con áreas urbanas de máis de 600.000 ou 750.000 habitantes que carece dun servizo ferroviario de proximidade", polo que considera "incomprensíbel" que o PP galego apoiase unha emenda que eliminaba a especificidade galega e deixaba o texto nunha "ambigüidade que fai referencia a todas as comunidades autónomas".

"Os deputados e as deputadas do PP electos pola Galiza, e os galegos como Feixóo, deberán explicar por que non queren que Galiza teña servizo de cercanías e por que se empeñan en manter unha emenda que elimina aquilo que conseguiu o BNG", recrimina Néstor Rego.

Durante a tramitación da lei, o BNG defendeu un modelo de mobilidade baseado na sustentabilidade e no reforzo do transporte público colectivo, especialmente do ferrocarril, que Rego definiu como "o medio máis eficiente, eficaz e sustentábel". O nacionalista subliñou que a disposición específica para a Galiza supón un paso decisivo para corrixir un déficit histórico co país.

O deputado popular Celso Delgado, defendeu nun comunicado respecto da emenda sobre os servizos de cercanías ferroviarias, que "non saíu adiante porque o PP busca que se estendan a todo o territorio español naquelas provincias ou comunidades onde aínda non existen".

Deste modo xustificou Delgado o boicot do PP no Senado a que Galiza apareza nomeada de xeito singular na Lei de mobilidade estatal. Dixo ademais o senador ourensán que "o estudo sobre Galiza está xa redactándose desde hai varios meses", polo acordo de investidura entre o BNG e o PSOE. O PP no Senado mesmo se atreveu esta quinta feira a criticar o "retraso" deste estudo e Delgado afirmou que "sempre apoiamos que a rede de Cercanías se analizase e se implantase".

Paradas de autobuses

Neste proxecto de Lei de Mobilidade tamén en trámite no Congreso o BNG alcanzou garantir "que non se supriman paradas de autobús en zonas sen alternativas de transporte", tal e como recollía o mapa concesional do Ministerio. Finalmente logo de saír do Congreso o proxecto de lei recolle "que se deberán manter conexións nas áreas sen outras opcións e no caso de servizos asumidos polos gobernos autónomos por delegación do Estado, serán compensados economicamente e en caso de rexeitar a asunción do servizo o Estado terá que seguir prestándoos", segundo introduciu vía emenda o BNG no texto no Congreso

"Como saíu do Congreso, ficaba perfectamente resolto, evitando que zonas rurais da Galiza queden incomunicadas", explicou Néstor Rego, que criticou que no trámite do proxecto de lei no Senado o PP "meteu unha emenda que mesmo introduce incerteza" porque falan de "manter todas as paradas que teñan que ver coa conexión territorial", unha fórmula que o BNG criticou como "ambigua" porque "abre a porta a que poidan ser suprimidas todas aquelas que o Goberno entenda que non teñen a ver coa conexión territorial".

Comentarios