O BNG denuncia os prezos "abusivos" do tren á Galiza para o Nadal e reclama "igualdade de trato con outros territorios do Estado"

Néstor Rego empraza o Goberno español "a corrixir de inmediato as tarifas desorbitadas e pór fin á discriminación que sofre á Galiza nas conexións ferroviarias de longa distancia".
Néstor Rego no Congreso. (Foto: Nós Diario)
Néstor Rego no Congreso. (Foto: Nós Diario)

O Bloque Nacionalista Galego vén de reclamar ao Goberno español e á Dirección de Renfe que adopten medidas urxentes para corrixir "os prezos abusivos dos billetes de tren entre Madrid e as cidades galegas para o mes de decembro, coincidindo co período do Nadal". Neste sentido, o portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, exixe "o mesmo trato para Galiza que oferta para outros territorios do Estado".

Rego denuncia que "as tarifas parten de cifras escandalosas, entre 80 e 111 euros por traxecto, o que dificulta viaxar en tren á Galiza nestas datas para a maioría social". Ademais, continúa, "hai que lembrar que estamos a falar dun servizo que collen moitos emigrantes galegos para voltaren ás súas casas familiares polo Nadal".

O nacionalista lembra que o pasado 27 de outubro abriuse por fin a venda de billetes de longa distancia para Galiza, despois que noutras conexións do Estado, como Madrid-Málaga, Madrid-Sevilla ou Madrid-Córdoba, xa levasen máis dun mes dispoñíbeis. "Á marxe deste atraso reiterado, o máis grave é que Renfe volve a situar Galiza nunha posición de discriminación clara, ao aplicar unha política tarifaria que parte de prezos desorbitados desde o primeiro día", sinala o deputado.

Segundo os datos recollidos polo BNG, os billetes para viaxar entre Madrid e cidades galegas durante os días previos á noiteboa presentan cifras que "non teñen xustificación posíbel". Até Ourense, entre 84 e 95 euros; até Santiago, entre 89 e 105 euros; até A Coruña, entre 89 e 111 euros, até Lugo, entre 80 e 91 euros, e até Vigo ou Pontevedra, entre 89 e 101 euros.

"Resulta inaceptábel que Renfe fixe como punto de partida tarifas tan elevadas, mentres en traxectos semellantes noutros territorios, como o Madrid-Xixón, se poden atopar billetes dende 28,40 euros", afirma Rego. "Non estamos a falar de servizos diferentes, senón dos mesmos AVE, Alvia e Avlo que operan noutros territorios, mais cun trato moi distinto cando se trata da Galiza", destaca.

O deputado nacionalista critica que Renfe "converta o tren galego nun negocio, ignorando que Galiza aínda carece de servizos de cercanías e soporta tarifas -mesmo as bonificadas- nos trens de Media Distancia e Avant até dez veces superiores ás doutros territorios".

Un trato que poña fin á discriminación coa Galiza

Ante esta situación, o BNG demanda ao Goberno español que corrixa de inmediato as tarifas abusivas dos billetes entre Madrid e as cidades galegas. "Debe aplicar políticas de prezos xustos e accesíbeis, semellantes ás doutras conexións do Estado, e pór en marcha ofertas e lanzamento de descontos específicos para Galiza garantindo igualdade de trato", exixe o nacionalista.

"Non pode ser que viaxar á Galiza custe o duplo ou o triplo que ir a outras partes do Estado. Estamos a falar dun servizo público, non dun luxo para uns poucos", subliña Rego. "O Goberno ten que actuar e garantir que Renfe trate á Galiza con equidade e xustiza", conclúe o portavoz do BNG no Congreso.

Comentarios