A reforma das pensións supera o primeiro trámite no Congreso
O Goberno estatal vén de superar o primeiro trámite no Congreso para reformar o sistema público de pensións, grazas ao apoio de ERC, PNV e Compromís —e a abstención de EH Bildu— na Comisión de Traballo.
Deste modo, o proxecto queda listo para o seu debate e votación no Pleno en decembro.
O texto, impulsado por Moncloa a partir do acordo alcanzado o pasado verán con sindicatos e patronal, derroga as principais medidas da reforma das pensións do PP de 2013, recuperando o Índice de Prezos de Consumo (IPC) como referencia á hora de aumentar as prestacións, e remata co factor de sostibilidade, que prevía recortes na contía da pensión conforme aumentaba a esperanza de vida.
Tamén se amplía o acceso á pensión de viuvez para as parellas de feito
Aliás, o proxecto incorpora un novo mecanismo de equidade interxeracional, que valora un aumento temporal das cotizacións á Seguridade Social de 0,6 puntos durante dez anos [2023-2032], a fin de encher o Fondo de Reserva de cara á xubilación das xeracións do baby boom.
Tamén se amplía o acceso á pensión de viuvez para as parellas de feito, e recoñécese un complemento á pensión das e dos xubilados con 40 anos cotizados que non alcancen os 900 euros.
O BNG alerta de "novos recortes"
O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, alerta de novos recortes: "O proxecto de lei non só non reverte, senón que consolida aspectos lesivos das reformas anteriores coma o aumento da idade de xubilación aos 67 anos e o período de cálculo de 15 a 25 anos, e agora aumentalo de novo a 35 anos suporá unha baixada nas prestacións de entre 6 e 10%".
Rego, así mesmo, considera "imprescindíbel" incrementar as pensións mínimas para equiparalas co Salario Mínimo Interprofesional (SMI) nos vindeiros anos.