Escrivá sae en defensa da mudanza no período de cálculo das pensións públicas

O BNG denuncia que a condicionar as axudas á reformas de calado, como as das pensións, prexudica Galiza.
O ministro José Luis Escriv. (Alberto Ortega/Europa Press)
photo_camera O ministro Escrivá defendeu que a suba do período de cálculo é unha medida que xurdiu do Pacto de Toledo (Foto: Alberto Ortega / Europa Press).

Perplexo. Así é como recoñece estar o ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, ante a polémica suscitada arredor da proposta do Goberno español de modificar o período de cálculo das pensións públicas

Segundo recoñeceu o propio Escrivá, esta medida non se trata de ningún tipo de imposición por parte da Unión Europea, senón dunha proposta incluída polo Estado español nos seus compromisos do chamado Plan de recuperación. "Non nolo pide Europa, fomos nós, porque nolo pediu o Pacto de Toledo [...] Trátase de modernizar e mellorar o sistema. Levo un ano falando disto e sempre digo o mesmo", insistiu o ministro.

Escrivá explicou que nas recomendacións do Pacto de Toledo pediuse que se tivesen en conta no sistema de cómputo das pensións as novas realidades do mercado laboral e a existencia de "carreiras máis volátiles", onde os últimos anos de cotización non sempre son os mellores.

"Estimamos que para 30% dos traballadores os seus últimos anos non son os mellores", explicou o ministro, que engadiu que o sistema actual está pensado para "carreiras lineais", onde teoricamente melloran as cotizacións segundo se cumpren anos.

"Agora xa non é así e temos que facer un sistema máis equitativo e iso farémolo cos axentes sociais en 2022. Nalgúns casos, haberá que valorar estender o período de cálculo, pero non necesariamente. Poderíase facer un sistema para elixir os mellores anos cotizados [...] Pero non hai nada novo", insistiu Escrivá.

 O que si, negou"rotundamente" que valorar a ampliación do período de cálculo para determinadas carreiras profesionais teña como obxectivo reducir o gasto en pensións, senón que o que busca é facer o sistema "máis equitativo" e mellorar a situación dos traballadores e traballadoras aos que os seus últimos anos cotizados "non lles favorece" no cálculo da pensión.

Críticas desde a Galiza

Deixando de lado a idoneidade da proposta, desde Galiza o BNG critica a "condición leonina" que ao seu xuízo supón ligar este tipo de medidas á concesión de fondos europeos, algo que a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, tachou de "inadmisíbel".

A representante nacionalista en Bruxelas censurou a "condicionalidade tremendamente prexudicial" para a Galiza das axudas europeas, así como a actitude da Unión Europea, que permite "recortes e chantaxes" a cambio das mesmas, denunciou.

Ademais, no caso das pensións, Miranda advertiu do posíbel impacto do aumento do período de cómputo no cálculo das prestacións das persoas de rendas baixas. "Eses recortes suporían un prexuízo absoluto para as clases populares da Galiza que incidirían na actual crise económica que atravesan moitos fogares, así como na perda de poder adquisitivo e o aumento da pobreza", incidiu.

Desde o Congreso, o deputado do BNG Néstor Rego expresou o rexeitamento total ao aumento do período de cálculo, pois suporía unha caída nas contías de, no mínimo, 6%, ao tempo que lembrou que xa teñen presentado emendas ao Proxecto de lei do Goberno para reverter os recortes das reformas de 2011 e 2013 e para evitar outros novos.

Comentarios