VÍDEO NO INTERIOR

Rafael Hernando (PP), sobre Gaza: "É como se en Catalunya fixesen túneles para bombardear Madrid"

O deputado do PP refírese á Faixa como "territorio do Estado de Israel".

O deputado popular Rafael Hernando, durante a entrevista. (Foto: Interalmería TV)
photo_camera O deputado popular Rafael Hernando, durante a entrevista. (Foto: Interalmería TV)

O ex portavoz do Partido Popular no Congreso e desde o pasado 19 de agosto novamente deputado por Almería, Rafael Hernando, protagonizou esta segunda feira unha polémica entrevista na canle de televisión local Interalmería TV, ao ser preguntado pola guerra en Gaza e extrapolar a situación a Catalunya e o Estado español. As declaracións de Hernando non deixaron ninguén indiferente e provocaron numerosas reaccións nas redes sociais.

Primeiramente, referiuse á Faixa de Gaza como "territorio israelí", obviando así a lexitimidade das autoridades palestinas e o recoñecemento que a este Estado lle outorgan na actualidade máis de 130 países de todo o mundo: "Non se pode pretender que Israel acepte que unha organización que está nunha franxa do seu territorio [...] Porque a Faixa de Gaza é territorio de Israel, eh? É un territorio autónomo, pero é do Estado de Israel".

E proseguiu o seu relato aludindo a Hamás como "unha organización que vai escavando túneles e almacenando material militar para utilizalo en contra de Israel". Para Hernando, esta situación "é como se en Catalunya houbese unha organización que se dedicase a construír túneles para bombardear Madrid".

"Esta é a cuestión, e non hai que comprar nada con nada", matizou, logo de estabelecer, precisamente, a súa propia comparación. "España nada ten a ver coa situación do Estado de Israel e Palestina", engadiu, procurando restar importancia ás súas palabras.

Comentarios