'O que lle pasou a Hawai': Ana Pontón tira de Bad Bunny para denunciar a "bomba ambiental" que supón o proxecto de Altri

"Como di unha canción que estes días escoitamos e está moi de moda, queren quitarnos o río, queren quitarnos a praia, queren levarse a nosa riqueza e que os nosos fillos e fillas se vaian", sinalou Pontón, que espera que a Xunta da Galiza "escoite o clamor social" contra "a macrocelulosa" e "rectifique" a súa posición.
Ana Pontón nunha explotación gandeira de Palas de Rei. (Foto: Nós Diario)
Ana Pontón nunha explotación gandeira de Palas de Rei. (Foto: Nós Diario)

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, avanzou a intención da formación nacionalista de que comparezan no Parlamento da Galiza as plataformas e colectivos que se opoñen ao proxecto de Altri, polo que pediu ao PP que "non use a súa maioría" para "vetar" a proposta que levará o Bloque ao Lexislativo galego.

Así o anunciou durante unha visita esta quinta feira a Palas de Rei (A Ulloa), onde Pontón coñeceu as instalacións da explotación gandeira e de transformación láctea Arqueixal, unha das empresas que, ao seu xuízo, demostran a capacidade do desenvolvemento rural con iniciativas "innovadoras, sostíbeis e respectuosas" e que "se ven ameazadas pola bomba ambiental" de Altri.

En declaracións aos medios, a líder nacionalista tirou da letra da canción do artista portorriqueño Bad Bunny O que lle pasou a Hawai, unha alegación contra o colonialismo estadounidense en Porto Rico, para trazar un paralelismo coa "bomba ambiental" que, para Pontón, supón a iniciativa ideada na comarca da Ulloa.

"Como di unha canción que estes días escoitamos e está moi de moda, queren quitarnos o río, queren quitarnos a praia, queren levarse a nosa riqueza e que os nosos fillos e fillas se vaian", sinalou Pontón, que espera que a Xunta da Galiza "escoite o clamor social" contra "a macrocelulosa" e "rectifique" a súa posición.

"É evidente que o futuro non pasa por proxectos contaminantes, senón por desenvolver o país dunha maneira sostíbel", engadiu antes de situar a Alfonso Rueda, o presidente da Xunta, como un "comercial" de Altri despois de que o Goberno galego acusase o BNG de pretender que se prevarique cando solicitan o rexeitamento da iniciativa industrial.

Para Pontón, o presidente da Xunta exerceu este papel "desde o primeiro momento" en lugar de actuar "en defensa dos intereses do país", facendo de voceiros dos promotores da planta "en contra do seu país". "Iso creo que está máis próximo á prevaricación que que lle pidan que paralice Altri", concluíu.

Ademais, a líder nacionalista lembrou a proposta elaborada pola súa organización para dedicar os 250 millóns "que o PP quere entregar" a Altri para que "contamine" Galiza a un plan, bautizado como 'Ulloa-Ulla-Arousa', ao apoio de sectores produtivos, á recuperación do río Ulla e da ría de Arousa e á reformulación do modelo forestal galego.

Comentarios