O PSdeG de Ourense acepta que sexa a dirección do partido quen decida os pactos na cidade e na Deputación

O secretario do PSdeG de Ourense, Rafael Rodríguez Vilariño (Foto: PSdeG Ourense).
Nunha reunión decorrida a pasada terza feira pola tarde, á que acudiron ao redor de corenta persoas, a Comisión Executiva do Partido Socialista de Ourense acordou manifestar o seu posicionamento político e sinalar que están "ante unha obriga histórica" para lograr un goberno de cambio na Deputación de Ourense.

O secretario xeral do PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Vilariño, confirmou que acata a directriz da executiva do PSdeG, que será a encargada de decidir os pactos post electorais na Deputación de Ourense e no concello.

A preguntas dos medios esta sexta feira despois de que a dirección galega socialista anunciase o que corresponderá á executiva do PSdeG decidir a quen brindan o seu apoio, Vilariño dixo "non sentirse desautorizado" porque é consciente de formar parte dunha organización política que "di como hai que actuar nun momento determinado".

"Remítome ás manifestacións que fixo onte a executiva galega. Non vou saír de aí, non vou responder con outra cousa distinta, vai ser a executiva galega a que actúe neste caso", garantiu.

Deste modo, recalcou que "aritmeticamente" é posíbel o cambio de goberno e que politicamente "confía" niso. "É un proceso que a executiva galega pilota e nós respectamos", sinalou.

"A secretaría ourensá e tamén neste caso a secretaría local, actuou do mesmo modo. Había unha reunión prevista entre Manuel Cabezas e o candidato á alcaldía polo PSOE que non se produciu pola implicación de Galiza e non creo que Paco Rodríguez se sinta desautorizado", concluíu Vilariño.

"Obriga histórica"

Nunha reunión decorrida a pasada terza feira pola tarde, á que acudiron ao redor de corenta persoas, a Comisión Executiva do Partido Socialista de Ourense acordou manifestar o seu posicionamento político e sinalar que están "ante unha obriga histórica" para lograr un goberno de cambio na institución provincial, para o que apoiaron de forma unánime o inicio das negociacións. Para elas subliñaron o seu respaldo ao secretario xeral provincial, Rafael Rodríguez Vilariño, "como interlocutor natural".

Con todo, mentres se daba esa situación na Comisión Executiva Provincial, na dirección do Partido Socialista a nivel galego recoñecían que "non contemplan negociar nada con Xácome", sostendo que é a dirección galega a encargada de propor e liderar os marcos dos acordos con outras forzas, e mesmo a responsábel de propor posíebis presidentes, cuxo nome debe ser aprobado pola Comisión Federal de Listas.

Unhas palabras que ratificou a quinta feira o secretario xeral da formación, Valentín González Formoso, nun receso da executiva nacional socialista ao ser preguntado sobre a postura do partido perante a eventual permanencia de Pérez Xácome na alcaldía ourensá, despois de conseguir que a súa formación, Democracia Ourensá, lograse ser a lista máis votada con 10 concelleiros dos 27 que compoñen a corporación.

Sobre a capacidade das agrupacións locais para tomar decisións, Formoso apuntou aos estatutos; "a dirección galega ten a competencia para pactos tan relevantes", sostivo trasladando que, así mesmo, terán que ser referendados desde a sede de Ferraz (Madrid) e, ademais, deixou claro que a dirección galega "terá que encomendarse a esa tarefa de negociar pactos en calquera das provincias ou calquera das cidades de Galicia", para o que xa mandatou unha comisión.