O PSOE exixe a dimisión de Jesús Núñez, alcalde das Nogais

Acusan o rexedor popular de "represión política".
Jesús Núñez, alcalde das Nogais (comarca de Valdeorras). (Foto: Nós Diario)
photo_camera Jesús Núñez, alcalde das Nogais (comarca dos Ancares). (Foto: Nós Diario)

O PSOE exixiu esta quinta feira a dimisión do alcalde das Nogais (comarca dos Ancares), Jesús Núñez, por "persecución laboral e política". "Persoas con esta actitude e comportamento antidemocráticos non deben ter cabida na vida pública".

Así o manifestou o deputado provincial do PSOE Pablo Ribeira após coñecer a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que declara nulos tanto o despedimento como traballadora municipal da actual portavoz socialista no Concello, Sonia Fernández Pérez, como a amortización da súa praza no consistorio, quedando de manifesto que o seu cesamento foi "unha represalia política" do rexedor do PP.

O PSOE reclama tamén que o alcalde "pague do seu peto os cartos" que o alto tribunal obriga ao Concello a aboar, porque débese a causas imputábeis a unha decisión tomada polo propio Jesús Núñez. De feito, a propia sentenza recolle que, como xustificación da supresión da praza da traballadora, o alcalde apunta, literalmente, que foi "unha decisión que tomo eu".

Polo tanto, para a formación socialista, o pago das cantidades que a empregada deixou de percibir desde o seu despido máis os xuros legais correspondentes, "non deberían correr a cargo das arcas municipais, senón do propio alcalde, porque é consecuencia da súa decisión arbitraria e irresponsábel". 

Pablo Ribeira subliñou que a situación provocada polos populares nas Nogais non se cingue só a este concello, pois "forma parte do ADN e do modus operandi no que está instaurado o PP na provincia desde hai unha década", acusando Elena Candia de "abrir a veda" do "acoso". 

Comentarios