O PSdeG exixe unha remuda "inmediata" na Xunta: "Temos un goberno interino no peor momento"

Por outra parte, a presidenta do PSOE, Cristina Narbona, acusa Feixoo de "beneficiar as grandes fortunas" da Galiza como presidente da Xunta.
O portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, esta segunda feira, en rolda de prensa. (Foto: PSdeG)
photo_camera O portavoz parlamentario do PSdeG, Luis Álvarez, esta segunda feira, en rolda de prensa. (Foto: PSdeG)

O portavoz do PSdeG no Parlamento da Galiza, Luis Álvarez, exixiu esta segunda feira unha remuda "inmediata" no Goberno galego, pois o país, dixo, está "cun goberno interino no peor momento" que é "incapaz" de "tomar medidas concretas e tanxíbeis".

"Queremos saír desta situación de interinidade porque é o peor exemplo de [Alberto Núñez] Feixoo, que se presenta como alternativa ao goberno do Estado, como líder futuro da oposición, pero propondo solucións para o Estado que non é capaz de implementar minimamente na Galiza", lamentou o deputado socialista.

Neste senso, lembrou que "mesmo os responsábeis da Consellaría de Sanidade afirman que a Atención Primaria non se vai recuperar até 2023", ou que no país existe un "problema de cobertura das baixas de docentes", que tardan en cubrirse "dúas semanas".

Na mesma liña apuntou o secretario xeral do partido, Valentín González Formoso, que criticou que "catro baróns provinciais nunha mesa" decidan "quen vai ser non só o presidente da Xunta, senón tamén un goberno de componendas provinciais".

A respecto do previsíbel nomeamento do vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, como substituto de Feixoo, González Formoso asegurou que se trata dunha sucesión "moi afastada dunha decisión baseada na vontade dos galegos e galegas".

Tampouco Luis Álvarez confía na opción de Rueda, cuxa designación ve como un "pacto transitorio" porque "nada garante que sexa candidato en 2024", ano no que "se abre unha fiestra para unha mudanza na Xunta en 2024".

"Feixoo beneficiou as grandes fortunas"

Por outra parte, a presidenta do PSOE a nivel estatal, Cristina Narbona, instou Feixoo a "detallar" o seu "plan de baixada xeneralizada de impostos", así como as súas consecuencias: "Díganos que impostos quere reducir e como pretende compensalo, que servizos públicos quere recortar".

Aliás, acusouno de "beneficiar as grandes fortunas" da Galiza como presidente da Xunta e puxo como exemplo a rebaixa en 25% do Imposto sobre Patrimonio ás fortunas superiores a 700.000 euros, alén das exencións para rendas de menos de 16.000 euros, que ficaron en 40 céntimos.

Comentarios