O PSdeG propón María Xosé Porteiro como adxunta á Valedora do Pobo

Salienta o grupo parlamentar socialista a traxectoria “galeguista, feminista e progresista” da escritora e xornalista.

maria xose porteiro
photo_camera M.X. Porteiro

A escritora e xornalista María Xosé Porteiro é a proposta feita polo PsdeG para ocupar o cargo de adxunta á Valedora do Pobo dentro do proceso de renovación deste órgano a raíz da dimisión de Milagros Otero. O grupo parlamentar socialista destaca a traxectoria ““galeguista, feminista e progresista” de Porteiro e defende que ten o perfil necesario para abrir “a nova etapa” que precisa a institución. O PP puxo riba da mesa a proposta de Fernández Galiño para ser a nova Valedora, unha decisión moi criticada por En Marea, BNG e grupo mixto por facerse á marxe do diálogo e o consenso. 

María Xosé Porteiro exerceu distintos cargos institucionais, políticos e profesionais . Presidiu a comisión de igualdade do Consello da Cultura Galega dende 2014 e desde 2018 é membro da comisión executiva do propio CCG. Foi a primeira concelleira de igualdade da Galiza -no Concello de Vigo- no ano 1987. Foi deputada socialista tanto no Parlamento galego como no Congreso, e foi delegada da Xunta do goberno bipartito para Arxentina e Uruguay.

Autora de máis dunha decena de libros -o último, Sándalo, foi publicado por Editorial Galaxia este mesmo ano-, actualmente está centrada na súa actividade cultural, literaria e como articulista, colaborando con diversos medios, entre eles Sermos Galiza.

Comentarios