O PSdeG insta a Feixoo a aclarar se considera "un amaño" a elección da Coruña como sede da Aesia

Lage Tuñas, secretario de Organización dos socialistas galegos, instou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a "actuar como presidente da Xunta" e non como "o secundario de Feixoo".
O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas, en rolda de prensa.
photo_camera O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas, en rolda de prensa.

O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas, pediu a Feixoo que "aclare se cre que a elección da Coruña como sede da Axencia Estatal da Supervisión da Intelixencia Artificial (Aesia) foi un "amaño", como sinalou o senador popular por Granada, José Antonio Carballos, que instou este domingo ao alcalde da cidade andaluza a pedir ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, que dea a cara para "explicar o amaño" da Aesia.

Nun audio trasladado aos medios, o responsábel socialista respondeu a estas palabras do "compañeiro de escano de Feixoo" no Senado, xa que, sinalou, o PP se mostra "desnortado e sen rumbo" e "cun presidente que ten unha opinión para cada día da semana" e ao que, asegurou, "o 2023 váiselle facer moi longo".

Nesta mesma liña, Lage Tuñas instou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a "actuar como presidente da Xunta" e non como "o secundario de Feixoo".

O secretario de Organización do PSdeG destacou tamén que foi "un comité técnico o que aprobou por unanimidade a designación da Coruña como sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial nunha convocatoria pública con concorrencia competitiva e criterios transparentes publicados no BOE".

Para Lage Tuñas "o PP non acaba de aceptar que A Coruña lidere a Aesia", cunha decisión tomada polo Goberno central "con criterios transparentes e por unanimidade". "Polo que se ve, nin ao PP nin a Feixoo lle gustou a decisión do Goberno de Pedro Sánchez", remarcou.

 

Comentarios