28-M

O PSdeG defende a súa xestión municipal fronte a un PP "sen norte" e presume de ter 113 Alcaldías

Formoso critica Feixoo por "usar as vítimas de ETA" con fins electorais.
Formoso-Juan-Penabad-Ortigueira-190523-01-1200x675
photo_camera Valentín González Formoso, en Ortigueira. (Foto: Nós Diario)

As Pontes, onde é candidato a recuncar como alcalde, e Ortigueira centraron os actos de campaña desta sexta feira do secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso. A campaña de José Ramón Gómez Besteiro, subdelegado do Goberno español na Galiza, tivo esta sexta até sete paradas: Mos, Cangas, Cerdedo-Cotobade, Lalín, A Estrada e Cedeira. 

Formoso mostrou en Ortigueira o seu apoio ao alcalde, Juan Penabad, que puxo como exemplo de "xestión" do PSdeG nos Gobernos locais, lembrando que na Galiza a formación socialista ten "113 Alcaldías" e "gobernamos 60% da poboación galega". O secretario xeral criticou con dureza Alberto Núñez Feixoo —que está na Galiza participando na campaña— "por usar as vítimas de ETA" con fins electorais.

Advertiu que son os propios familiares das vítimas os que lle están afeando ao PP que empregue a súa dor "para rascar uns votos, como fai Vox", e sinalou que o país "aspira a un Goberno liderado por unha formación política que teña a capacidade de chegar ao goberno con limpeza".

Criticou que fale precisamente de indignidade "un presidente que non foi digno con Galicia cando fechou 138 colexios, deixou marchar 75.000 rapaces e rapazas regalándolles unha maleta e que reduciu a atención primaria á mínima expresión e provocou listas de agarda onde nunca as houbera". Neste punto, lembrou as políticas "privatizadoras" de Feixoo á fronte da Xunta. 

Besteiro, pola súa parte, e nesa mesma liña, lembrou en Mos, comarca de Vigo, "exemplos" da xestión do PP nestes anos e que prexudican os galegos e galegas como “malvender as caixas e privatizar a sanidade pública”.

Besteiro sinalou que o PP desprega "unha política e unha campaña de oposición", e aí é "onde o sitúan os galegos e as galegas". Advertiu que por esa vía quedarán relegados á oposición "en moitos concellos". Contrastou a campaña "optimista e con alegría" dos socialistas fronte a un PP que fai "campaña en negativo, con moi pouca ilusión e preocupándose de cousas que aos galegos e ás galegas nin lles van nin lles veñen".

Comentarios