A proposta de implantar un novo imposto a Madrid pola capitalidade irrita a Feixoo e Ayuso

O presidente galego, ao igual que Isabel Díaz Ayuso, carga contra a proposta de crear un imposto a Madrid para compensar os outros territorios do Estado polo efecto de capitalidade, que atrae bases impoñíbeis doutros lugares.

Núñez Feixoo, en Ferrol, criticia a idea de crear un novo imposto a Madrid que compense os outros territorio do Estado
photo_camera Núñez Feixoo, en Ferrol, criticia a idea de crear un novo imposto a Madrid que compense os outros territorio do Estado (Foto: Xunta)

A proposta que lanzou o presidente da Generalitat Valenciana, Ximo Puig, de estabelecer un novo imposto para as rendas altas da Comunidade de Madrid atopou o beneplácito do Goberno estatal, que, a través do ministro de Seguridade Social, José Luis Escrivá, sinalou que "ten moito percorrido", aínda que a ministra de Facenda, María Jesús Montero, afirmou que “esa proposta non está na axenda do Goberno”.

Con todo, a proposta xa conta co rexeitamento frontal do presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, e da presidenta madrileña, Isabel Díaz  Ayuso.

Imposto a Madrid

O presidente valenciano expuxo a proposta de que o novo imposto iría soamente destinado ás rendas altas da Comunidade de Madrid, alegando que serviría para compensar o resto de comunidades polo efecto capitalidade que ten Madrid.

Segundo denunciou o mandatario valenciano, que Madrid sexa a capital de España "atrae bases impoñíbeis doutros lugares" e por iso reclama harmonizar fiscalmente todas as comunidades autónomas a través deste novo imposto destinado soamente ás rendas altas.

Feixoo rexeita a proposta

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, manifestou o seu rexeitamento á proposta exposta polo presidente da Generalitat Valenciana de implantar un novo imposto a Madrid pola súa capitalidade e expresou as súas "dúbidas" sobre a "constitucionalidade" de tal medida.

En declaracións aos medios durante a inauguración da feira Equiocio, en Ferrol, o presidente galego afirmou esta sexta feira, 6 de agosto, que "pór un imposto a un cidadán que vive nunha comunidade autónoma polo simple feito de que resida nesa comunidade", é unha formulación "de moi dubidosa constitucionalidade".

Segundo engadiu, a medida é "unha evidente equivocación, xa que se os cidadáns dunha determinada comunidade autónoma perciben que hai unha discriminación negativa, polo feito de vivir, nacer ou traballar nese territorio, no canto de sosegar o debate territorial en España, o que estamos a facer é incendialo" e engadiu que ese debate "xa está o suficientemente incendiado como para lanzar máis gasolina ao lume".

Feixoo reclamou "un pouco de acougo e de responsabilidade", xa que a decisión de que Madrid sexa capital de España "é de hai centenares de anos" e non foi tomada polos seus actuais habitantes. "Ademais, non ten ningún sentido neste momento, cando hai unha formulación de disgregación territorial no noso país, e non se pode castigar as comunidades que estamos a cumprir a Constitución e que estamos a ser leais", sentenciou.

Ayuso , tamén en contra

A formulación que fixo Ximo Puig xa atopou co rexeitamento frontal dos empresarios madrileños e co Goberno rexional de Isabel Díaz Ayuso, acusando o presidente valenciano de "madrileñofobia".

É máis, o Executivo madrileño xa anunciou que se oporía a calquera intento de subir os impostos na rexión da capital estatal, respondendo a Puig que "os dirixentes incompetentes non teñen que cargar as culpas sobre os que o fan ben".

Nada máis coñecerse esta proposta, o portavoz da Comunidade Madrid, Enrique Osorio, arremeteu duramente contra o presidente valenciano: "Ten que imitarnos, estamos dispostos a explicarlles como se fan estas cousas, pero non pode para disimular os seus erros dicir que é porque somos capital ou porque facemos ' dumping fiscal' e somos insolidarios. Os dirixentes socialistas teñen tendencia a ocultar os seus erros botando culpas a outros".

Comentarios