martes 03/08/21

Feixoo sobe ao carro de Ayuso ante a "preocupación" polos indultos

"Nunca un Goberno se indultara a si mesmo, indultando un socio parlamentario", argumentou o presidente da Xunta, que defendeu a mandataria madrileña pola última polémica.

EuropaPress_3793250_i-d_presidente_junta_andalucia_juanma_moreno_presidente_pp_pablo_casado
Pablo Casado, Isabel Díaz Ayuso e o Alberto Núñez Feixoo, na toma de posesión da presidenta madrilleña (Jesús Hellín / Europa Press)

Os posíbeis indultos por parte do Goberno español aos presos independentistas cataláns continúa a ser un dos temas preferidos para o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo. Esta fin de semana acudiu a Madrid e volveu falar da "preocupación" que estes xeran durante a toma de posesión de Isabel Díaz Ayuso como presidenta da Comunidade Autónoma de Madrid.

Unha Ayuso que a semana pasada xerou polémica coas súas palabras a respecto ao papel do xefe do Estado, o monarca Felipe VI, na firma dos indultos. Non hai "ningunha polémica" ─sinalou Feixoo─ senón "unha preocupación perfectamente democrática e razoábel" pola "situación atípica" que provoca este "conflito de intereses".

"O importante ─dixo─ é que neste momento non se dan as condicións para ese indulto e o importante é que podemos estar ante un erro", que se está a ver "desde o principio", coa "falta de respecto" do presidente da Generalitat, Pere Aragonés, ao xefe do Estado ou ao propio presidente Sánchez.

"Creo que iso é o importante, e o demais son anécdotas que non merecen a pena maior preocupación política", resolveu.

"Máis beneficio para Sánchez que para os indultados"

O presidente do Goberno galego insistiu en cualificar os indultos como un "erro" e unha situación "atípica" que beneficiará máis o Goberno central "que o indultado". "O indulto é o salvoconduto que ten o Goberno para sustentarse no Goberno", sinalou Feixoo, algo que segundo el "nunca ocorrera na democracia española".

"Nunca un Goberno se indultara a si mesmo, indultando un socio parlamentario", argumentou, e insistiu que tampouco nunca antes se aprobara un indulto en contra "da sala do Tribunal Supremo e en contra da Fiscalía Xeral do Estado".

Por outra banda, o presidente galego agradeceu a volta de "a estabilidade" ao Goberno autonómico de Madrid tras a forma "tan contundente e tan clara" coa que falaron os madrileños nas eleccións. E puxo en valor "a divisa da estabilidade política" nunha "España convulsa".

comentarios