Primeira xuntanza da nova Executiva do BNG: tres anos por diante para lle disputar a hexemonía ao PP

Ana Pontón incide no “reto colectivo” de alargar a base social para “liderar” o Goberno de Galiza en 2024.

 

 

bng EXECUTIVA-min

Apenas unha horas despois de recibir o apoio da militancia, a nova Executiva Nacional mantiña a súa primeira reunión esta segunda feira, en Compostela, xuntanza seguida dunha foto de familia e comparecencia da reelixida portavoz nacional. "Somos máis BNG que nunca", sintetizou Ana Pontón.

Tras a reunión, afondou nos argumentos que esgrimiu ante o plenario da XVII Asemblea Nacional, marcando como reto a Presidencia da Xunta ensanchando a base social do nacionalismo para disputarlle a hexemonía ao PP, cun proxecto gañador capaz de chegar a maioría social.

"Quedan tres anos por diante de intenso traballo para facer realidade o gran obxectivo: darlle a Galiza o primeiro goberno coas mans libres para defender os intereses dos galegos e das galegas e poñer en marcha unha Galiza en grande, máis xusta, máis igual, máis feminista, con benestar social, na que vivir e traballar", proclamou, tras trasladar, en nome da nova dirección, o agradecemento á militancia pola confianza depositada.

"Grazas á militancia polo seu apoio, polo seu calor e entusiasmo e grazas pola confianza depositada”, dixo.

"Temos a responsabilidade de construír un proxecto gañador, un proxecto de maiorías. É posíbel e imos demostralo, sumando a cada vez máis cidadanía a este proxecto de País, porque cada vez son máis as persoas que ven en nós a súa alternativa, a mellor ferramenta para construír esa outra Galiza posíbel", argumentou.

Preguntada por que o BNG non se define como independentista, a líder do Bloque subliñou que a formación está no ideolóxico "onde sempre estivo".

"Os nosos principios son claros"

"Os nosos principios son tan claros que os levamos no nome, porque somos o Bloque Nacionalista Galego, o que significa que somos unha forza nacionalista e estamos no mesmo lugar no que sempre estivemos. É evidente que Galiza é unha nación e defendemos que canta máis capacidade de decisión teñamos, canta máis soberanía para defender os nosos intereses como País, mellor", argumentou.

O Bloque "non se moveu de onde estaba".  Pontón presumiu dun BNG "capaz de chegar cada vez a máis sectores sociais, capaz de atraer a cada vez máis cidadanía e temos que seguir medrando disputándolle a hexemonía ao PP coa vista posta en conseguir liderar o Goberno deste País, porque somos a alternativa real ao PP".

Nese camiño cara a presidencia da Xunta hai fitos importantes, explicou, que van desde alargar a base social do nacionalismo, "para avanzar con pé firme" sumando cada vez máis persoas de todos  os ámbitos e de todos os sectores. A, igualmente, avanzar nos concellos para trasladar o modelo de gobernos de calidade do BNG a máis vilas e cidades.

Comentarios