Pontón aspira “a gañar para transformar Galiza e facela avanzar”

O BNG abre unha nova etapa co reto de gobernar Galiza

A XVIII Asemblea Nacional do BNG respondeu as expectativas creadas. Unha alta participación da militancia, unha coincidencia na diagnose e nas alternativas, unha dirección probada e con renovada enerxía e a vontade de gobernar Galiza en 2024.

Ana Pontón intervindo na sesión de clausura da Asemblea Nacional do BNG.
@RociGz
photo_camera Ana Pontón intervindo na sesión de clausura da Asemblea Nacional do BNG. @RociGz

A intervención de clausura de Ana Pontón diante do plenario da Asemblea Nacional do BNG sintetizou as ideas forza debatidas polos nacionalistas neste xa longo proceso de debate interno. Nesta liña dirixiuse á militancia da organización para animala a encetar os retos que ten por diante pero sobre todo dirixiuse á sociedade galega que aspira gobernar a partir de 2024.

A voceira do BNG sinalou que o reto do novo ciclo político é “facer do BNG a forza determinante de Galiza”. “Nós”, aseverou Pontón, “non temos vocación de oposición, temos vocación de gobernar este país e darlle un futuro mellor cheo de esperanza. Queremos gañar para transformar Galiza e facela avanzar, sen límites nin ataduras”.

A dirixente nacionalista puxo en valor o sentido da organización e do traballo colectivo. A este respecto, indicou que “unha persoa soa pode camiñar máis rápido, pero xuntas imos máis lonxe. O que fai avanzar ao BNG non é ningunha persoa a nivel particular. O que nos fai avanzar é o nós, é o colectivo, ese nós unido e cohesionado que nos fai máis fortes”.

A hexemonía do nacionalismo

Pontón manifestouse convencida que na Galiza danse as condicións para unha nacionalismo institucional e socialmente hexemónico."Na Galiza hai un gran sentimento de país, e temos que traballar con persuasión e xenerosidade, para traducir ese sentimento en termos políticos e electorais”, significou Pontón.

“As nosas propostas poden ser maioritarias, conectan coas preocupacións e aspiracións dunha ampla maioría en Galiza. Non temos que autolimitarnos. Temos que dirixirnos á sociedade cos brazos abertos e con ideas e propostas claras”, continuou Pontón, quen considerou “posíbel facelo e queremos conseguilo”.

“Somos o BNG do si. Do si a Galiza, do si a pensar Galiza en grande, do si a que que poidamos vivir e traballar na nosa terra, do si ao futuro da mocidade, do si a decidir nós no noso”, indicou Pontón, quen manifestou que “o país pode dar moito máis de si, pero para iso hai que pensar Galiza en grande, hai que confiar no noso país”.

“Somos a alternativa ao PP”

A voceira nacional do BNG amosou a súa certeza nun cambio político na Galiza e presentou ao nacionalismo como alternativa ao PP. “Que somos a alternativa ao PP sábeo hoxe unha maioría de galegos e galegas, e tamén o PP. Por iso están tan nerviosos, por iso porán a funcionar a súa maquinaria de mentiras”, afirmou Pontón.

“No BNG somos optimistas. Somos optimistas da intelixencia e da vontade. Galiza é un gran país, con enorme potencial e recursos, con riqueza e capacidade e, sobre todo, con xente honesta, talentosa e traballadora. Temos que avanzar, decidir nós no noso”, conclúeo Pontón. 

Comentarios