Rueda agradece a "lealdade" dos seus e insta a manter o traballo para ir "a pola quinta maioría"

O Partido Popular abriu este sábado en Cerdedo-Cotobade o curso político coa mirada posta nos próximos comicios electorais e "unido", coa idea de reforzar a súa maioría na Galiza e facer que Alberto Núñez Feixoo chegue á Presidencia do Goberno "canto antes".

Alfonso Rueda, Alfonso Fernández Mañueco, Alberto Núñez Feixoo e Isabel Díaz Ayuso no inicio do curso político do PP. (Foto: Arxina).
photo_camera Alfonso Rueda, Alfonso Fernández Mañueco, Alberto Núñez Feixoo e Isabel Díaz Ayuso no inicio do curso político do PP. (Foto: Arxina).

O presidente do PPdeG e presidente da Xunta, Alfonso Rueda, agradeceu este sábado a "lealdade" dos seus compañeiros de partido, no proceso de "transición exemplar" da pasada primavera, cando asumiu o liderado do partido na Galicia e a presidencia do Goberno galego após a marcha de Feixoo.

Neste sentido, instou os seus a manter a unidade para ir "a pola quinta maioría". Fíxoo durante a súa intervención no acto de inicio do curso político que, como cada ano desde 2016, tivo lugar na Carballeira de San Xusto, en Cerdedo-Cotobade (Pontevedra/Taberirós-Terra de Montes), coa presenza do presidente estatal do PP, Alberto Núñez Feixoo e de varios presidentes autonómicos 'populares', como Isabel Díaz Ayuso, Alfonso Fernández Mañueco, Fernando López Miras e Juanma Moreno Bonilla; ademais do ex presidente Mariano Raxoi.

Alfonso Rueda centrou os primeiros minutos da súa intervención en agradecer aos seus compañeiros de partido o apoio após o "cambio inesperado" na dirección do PPdeG. Tamén destacou a unidade do seu partido após a marcha de Feixoo, fronte a quen esperaba "que todo saíse mal".

"Agora dinnos que somos continuistas. Pois se iso é continuar o labor de Fernández Albor, Fraga e Núñez Feijóo, sómolo, e a moita honra. Mellorando, pero continuistas", recalcou.

"A pola quinta maioría"

Rueda mencionou todos os presidentes provinciais do PP galego, e eloxiou a súa responsabilidade, unidade e "lealdade", así como a secretaria xeral, Paula Prado, alcaldes, concelleiros e todo o equipo que o acompaña para "ir a por a quinta maioría" do PP na Galiza.

En relación á próxima cita electoral, as eleccións municipais de maio de 2023, pediu aos cargos locais e aos candidatos a traballar "con tempo suficiente", e augurou que o ano que vén "vaise ver o poder urbano do PP".

Feixoo, presidente do Goberno

O presidente dos 'populares' galegos conxurouse para seguir traballando "desde a unidade dun partido que forma parte de España, un país moi plural e diverso, que ten nesa unidade a súa principal baza".

Alfonso Rueda constatou que os galegos e os españois necesitan "un goberno responsábel" con "un líder que una a todos" e "que entenda" que cada un dos presidentes autonómicos ten as súas "lexítimas aspiracións" e que poden "discutir" e "competir" pero non se enfrontan.

"Cremos que España é solidaria e forte cando traballa con gobernos responsábeis entre nós e cun líder que tes que ser ti, e tes que selo canto antes", exclamou en referencia a Núñez Feixoo, a quen lle gustaría recibir o ano que vén en Cerdedo-Cotobade como presidente do Goberno. "Quen sabe... a nosa obrigación é estar preparados para que así sexa", apostilou.

"Que ben se está na casa"

Alberto Núñez Feixoo celebrou volver "onde todo comezou", "á casa". Asegurou que segue con atención a actualidade da Galiza e que  observa o seu "empuxe", a acción do goberno de Rueda, "a estabilidade e a tranquilidade que faltan en España".

"É unha honra e un orgullo volver ao lugar onde todo comezou, vervos ilusionados, preparados e xuntos, porque non creo que haxa moitos partidos en España que poidan dicir que están ilusionados, preparados e xuntos", recalcou.

Comentarios