O PP vincula as medidas anunciadas por Sánchez co resultado do PSOE en Andalucía

Prado e Tellado, á esquerda da fotografía (Imaxe: Cedida)

O vicesecretario xeral de Organización do PP, Miguel Tellado, sinalou este sábado que o Consello de Ministras e Ministros extraordinario convocado polo Goberno estatal para aprobar un novo plan de medidas anti crises ten que ver coa actual "situación electoral" do Partido Socialista.

"O PSOE leva perdendo eleccións autonómicas dous anos. É evidente que hai un movemento de cambio na política nacional", apuntou o vicesecretario popular en declaracións aos medios este sábado en Santiago.

Así mesmo, Tellado precisou que se o Partido Socialista non perdese nas eleccións andaluzas, "hoxe (este sábado) non habería un consello extraordinario".

Porén, o representante popular considerou esta reunión "necesaria" para adoptar medidas que "alivien a carga" das familias e pemes españolas pola actual situación de inflación económica.

"As pemes son un 10% menos competitivas e máis pobres que hai uns meses, a inflación está a comerse os salarios", denunciou o vicesecretario xeral do PP. Final del formulario

O PP reclama o tren Avril

As declaracións de Tellado producíronse durante a comparecencia coa secretaria xeral do PP da Galiza, Paula Prado, sobre os trens Avril. “Foron prometidos para xullo, e quedan cinco días para que comece ese mes”, advertiu a tamén deputada.

Denunciou ademais que a parte ferroviaria que tiña que estar adaptada para a chegada destes trens está "absolutamente paralizada".

A comitiva popular realizou este sábado unha viaxe a Ourense mediante a cal "puideron comprobar" o “atraso” do proxecto. "O AVE chegou a Ourense, pero non a Galiza”, protestou Prado.