O PP veta no Senado a proposta do BNG para a fin da prórroga 'ilegal' da AP-9
A senadora do Bloque Nacionalista Galego criticou o rexeitamento das súas emendas no Senado para anular a ampliación da concesión da autoestrada, aprobada no ano 2000 polo Goberno de José María Aznar. A formación nacionalista sostén que a decisión, cuestionada pola Comisión Europea, mantén unha infraestrutura estratéxica en mans privadas e perpetúa as peaxes, responsabilizando tamén ao PSOE de non impulsar unha solución definitiva.
A senadora do BNG, Carme da Silva, criticou este 18 de febreiro o veto do Partido Popular (PP) no Senado ás emendas presentadas pola formación nacionalista no debate sobre a transferencia da titularidade da AP-9 á Galiza. O BNG lamenta a posición partidista do PP, que rexeitou a proposta nacionalista para “poñer negro sobre branco” na situación da Autoestrada do Atlántico e afrontar a raíz do problema: a prórroga ilegal da concesión que mantén esta infraestrutura en mans privadas até 2048.
A senadora do BNG, Carme da Silva, foi contundente na súa intervención ao lembrar que “o 18 de agosto de 2023 tiña que rematar a concesión da AP-9. A única razón pola que non foi así é a prórroga ilegal da concesión que decidiu o goberno do PP presidido por Aznar”. Da Silva cualificou a ampliación da concesión até 2048 e a posterior privatización como “un exemplo de manual de corrupción e estafa co BOE”.
A formación nacionalista lembra que a prórroga foi acordada no ano 2000 polo Goberno de José María Aznar, ampliando a concesión 25 anos máis, e que posteriormente foi modificada a lexislación para intentar blindar esa decisión. “O señor Aznar, o PP, nunca se equivoca de amigos: estafan á sociedade galega e benefician a grandes empresas privadas” denuncia a senadora do BNG.
Carme da Silva subliñou ademais que a Comisión Europea deixou claro que a prórroga da concesión incumpriu as normas europeas de transparencia e concorrencia competitiva, polo que é ilegal. “Esa, e non outra, señorías do PP, é a razón pola que a AP-9 segue a ser unha autoestrada de peaxe. A estafa e ilegalidade consumada polo PP” afirma.
Desta forma, o BNG presentou unha emenda de adición para instar o Goberno do Estado a iniciar os trámites para a anulación da prórroga de 25 anos, asumir a xestión directa da autoestrada e suprimir as peaxes. Unha proposta clara e directa para rematar coa discriminación que sofre a Galiza e que fóra aprobada tanto no Congreso como no Parlamento Galego. “O Goberno do Estado ten que iniciar de inmediato a tramitación da anulación da prórroga da AP-9, asumir a xestión directa da autoestrada e suprimir as peaxes” defende a senadora nacionalista, quen insiste en que a anulación é a opción menos gravosa e a máis xusta tras a confirmación da ilegalidade pola Comisión Europea.
Para o BNG, o rexeitamento do PP evidencia que a súa iniciativa non pretendía resolver o problema de fondo, senón facer oposición partidista. A senadora nacionalista lembra que o PP xa vetou a transferencia durante o goberno de Mariano Rajoy e mesmo pactou coa concesionaria novas subas das peaxes. A organización nacionalista denuncia tamén a hipocrisía das forzas estatais, lembrando que o Parlamento galego aprobou por unanimidade en varias ocasións iniciativas para transferir a AP-9, incluída unha proposta do BNG aprobada tamén por unanimidade no Senado en 2011. “O titular hoxe podería ser: PP e PSOE levan 20 anos pedindo e negando a transferencia da AP-9” afirma da Silva.
O BNG reafirma que é a única forza política que defende sen ambigüidades unha AP-9 galega e libre de peaxes, e exixe respecto para a sociedade galega. “Xa basta de tratar á sociedade galega sen respecto e con un intento continuo de infantilización. Escusas vimos de todo tipo ao longo dos últimos 20 anos. O único certo é que PP e PSOE son responsábeis de que sigamos a pagar esta estafa” conclúe.
O BNG de Vigo leva ao pleno unha declaración pola fin das peaxes na AP-9
O BNG de Vigo formulou na Xunta de voceiros e voceiras do Concello de Vigo unha declaración institucional pola fin das peaxes da AP-9, co obxectivo de que o Pleno municipal exixa a anulación da vixente prórroga da concesión da Audassa. Porén, segundo informou o portavoz do BNG de Vigo, Xabier Pérez Igrexas, informou que o PSdeG, encabezado polo alcalde, Abel Caballero, impediu levar ao Pleno a declaración institucional. Un decisión que Igrexas apuntou a “veto antidemocrático a través do seu rodete absolutista", que amosa “a falla de compromiso do Goberno municipal nun asunto tan importante, como xa fixeron en xullo de 2024 cando se abstiveron nunha moción do BNG sobre o mesmo tema”.

