Besteiro defende a transferencia da AP-9, mais non a da titularidade

O PSdeG reclama a gratuidade da autoestrada
José Ramón Gómez Besteiro. (Foto: Nós Diario)
José Ramón Gómez Besteiro. (Foto: Nós Diario)

O secretario xeral do PSdeG , José Ramón Gómez Besteiro, explicou onte, ante as preguntas dos medios, que a formación socialista defende "a transferencia á Galiza da competencia" da AP-9, insistindo en que "o prioritario é que a cidadanía non teña que pagar peaxes para circular por esa vía". Besteiro reclamou que o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, "diga publicamente que, se asume a titularidade da AP-9, temos garantida a gratuidade", explicando que "a titularidade non implica" que as estradas sexan de balde. 

Nesta liña, lembrou que a Xunta da Galiza é titular de estradas como a AG-55  e a AG-57 que son de peaxe, "sen que o Goberno galego dera ningún paso para facelas gratuítas". Ademais, aproveitou a ocasión para sinalar que a Comisión Europea puxo en cuestión a legalidade da prórroga da AP-9, unha medida executada polo Goberno español presidido por José María Aznar (PP). Con respecto a isto, Besteiro denunciou que "o Partido Popular é agora o que fala de transferir e de non pagar peaxes. Son os mesmos que nos impuxeron esta lousa que chega até o ano 2048".


Estas declaración veñen após de que na segunda feira o PSOE propuxera transferir á Galiza competencias relacionadas coas xestión da AP-9, mais non a titularidade da infraestrutura, nas súas emendas á lei orgánica que tramita o Congreso.  Unha tramitación de lei que é resultado das negociacións entre o BNG e o Goberno español no marco da Lei de Mobilidade desde o comezo da lexislatura. 

Esta mesma semana, tras decenas de prórrogas, o desbloqueo no Congreso facíase definitivo ao culminar o prazo para as emendas parciais a tramitación da lei. PP e BNG optaron por non presentar emendas e "respectar" o texto que emanou da unanimidade da Cámara galega, aínda que outras formacións, como o PSOE e Sumar, si que o fixeron.

Comentarios