BNG denuncia unha "pinza PP-PSOE" para "arrebatarlle" alcaldías en Ourense "coas peores mañas" políticas

Lémbranlle a Feixoo que os populares asinaron o pacto antitransfuguismo.

Concello_de_Castrelo_de_Miño
photo_camera Concello_de_Castrelo_de_Miño

A dirección do BNG denunciou unha "pinza PP-PSOE" para arrebatarlle alcaldías na provincia de Ourense "coas peores artimañas políticas" tras o acordo entre os edís do PP e dous concelleiros socialistas díscolos para presentar unha moción de censura en Castrelo de Miño.

Nun comunicado remitido aos medios, a executiva do Bloque sinala que esta actitude responde a "unha estratexia de ambas as forzas" para facerse coas alcaldías que goberna o BNG nesta provincia "pola porta de atrás" mediante "negociacións en despachos" que "non obedecen ao interese da cidadanía".

Os nacionalistas, ademais, consideran que a moción de Castrelo de Miño está "planificada con nocturnidade" ao ter en conta que se deixou pasar as eleccións do 12 de xullo para presentala no que cualifican de "un intento premeditado para enganar aos veciños".

O BNG tamén denuncia que esta estratexia, que utiliza "as peores artimañas do  transfugismo", non se limita a Castrelo de Miño, senón que ten xa a vista posta no concello de Viana do Bolo, liderado tamén por un goberno do Bloque.

A dirección nacionalista ironiza sobre a "epidemia de tránsfugas" entre as filas socialistas que se " alían" co PP de Baltar para "deixar fora o Bloque dos gobernos municipais".

Neste sentido, lémbralle ao presidente do PP, Núñez Feixoo, que o seu partido asinou o pacto antitransfuguismo, que "casa mal" coa "estratexia do PP de Ourense de pactar con tránsfugas co beneplácito e as felicitacións públicas de cargos do PP". "Ou a palabra de Feijóo non vale nada ou en Ourense a súa autoridade dentro do partido está por baixo da de Baltar", considera.

En todo caso, pide ás direccións galegas do PP e do PSOE que "tomen cartas no asunto" para "poñer freo a esa moción" cunha "pinza inexplicable".

Comentarios