Lores acusa Feixoo de "incitar á violencia" coas súas declaracións sobre Ence

Respecto da compañía, o alcalde de Pontevedra critica o "dereito de pernada industrial" de Ence: "non hai outra empresa coas mesmas facilidades".
Miguel Anxo Fernández Lores nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Miguel Anxo Fernández Lores nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acusou o presidente da Xunta, Núñez Feijxoo, de "incitar á violencia" coas súas declaracións sobre a situación de Ence, da que, segundo Lores, todo o PP -local, nacional e nestatal- culpa o Concello.

Nunha entrevista ofrecida este domingo á Cadena Ser, Lores recoñeceu que hai "unha radicalización clara na protesta", pero "hai responsábeis políticos diso". "Se se di que a xente vai para á rúa, que non pode pagarlle os estudos aos seus fillos, etc, iso é incitar á violencia. E é o que están a facer Feixoo e todo o Partido Popular", aseverou o rexedor municipal.

Lores instou o presidente do Executivo galego e ao PP a "pedir perdón" e, ademais, comentou que a Fiscalía "debería" actuar de oficio "porque se está insultado a cargos políticos en sitios públicos".

"Durante décadas estivemos falando de que había que buscar unha nova localización, e durante todo este tempo tentáronse saltar as competencias, con enganos manifestos por parte do PP e da empresa, tentando convencer de que podían seguir alí", asegurou Lores.

Así, o alcalde pontevedrés tamén criticou o papel da dirección de Ence, da que dixo que goza de "dereito de pernada industrial". "Non hai ningunha empresa coas facilidades que ten Ence. Non pagan nin o cánon da auga", criticou.

"Non se pode dialogar cunha empresa que di que non se pode trasladar. Negan a maior e así, que diálogo te queda?", comentou o alcalde da cidade sobre as conversacións con Ence

Respecto ao futuro da compañía, o rexedor sinalou que "hai que buscar unha alternativa viábel e de futuro". "Nós o que dicimos é que non pode estar en Lourizán, pero se hai outra localización en Pontevedra ou en Galiza, moi ben", apuntou Lores, que puntualizou que "sempre que sexa coas mesmas condicións que calquera outro empresario".

"Non se pode dialogar cunha empresa que di que non se pode trasladar. Negan a maior e así, que diálogo te queda?", comentou o alcalde da cidade sobre as conversacións con Ence.

Fernández Lores tamén opinou sobre a pandemia, da que dixo que "se fixeron moitas cousas mal". "Aquí seguimos coa teoría de que a economía é o máis importante, sen darnos conta de que a economía non funciona sen saúde", lamentou o responsábel do Goberno local.

En canto á situación á que se enfronta a hostalaría, Lores recoñeceu que "se está demonizando o sector", posto que "os focos importantes non se produciron na hostalaría". "Impídese que a xente vaia a restaurantes con restricións para que se vaia a outro sitio a xuntarse, non é razoábel", dixo, para apuntar ademais que "habería que tomar medidas doutra maneira", pero que "se tomou de broma a pandemia".

Por outra banda, Fernández Lores evitou profundar na súa relación con Núñez Feixoo e, aínda que remarcou "a lealdade institucional" coa que traballa respecto o Executivo, recoñeceu que "ás veces, custa traballo". "Boto de menos un maior compromiso en determinados asuntos", concedeu Lores, que citou os problemas relacionados coa estrada que une Vilagarcía de Arousa con Santiago, dúas cidades que levan tentando unir 20 anos, segundo declarou.

En canto á situación do Bloque Nacionalista Galego, Fernández Lores destacou o "momento de expansión" no que se atopan e encomiou a Ana Pontón, "que representa un sector de xente que quere a este país e que quere un futuro para os seus descendentes e para todo aquel que veña". "Tarde ou cedo, os galegos apostarán por esta opción", asegurou Lores, que ve a Pontón con opcións para o 2024.

Respecto da súa situación dentro do partido, Lores evitou pronunciarse sobre a súa posíbel renovación en vista das próximas eleccións municipais, "xa que poden cambiar moitas cousas", mais recoñeceu estar "máis ilusionado que nunca".

Comentarios