As eleccións locais e estatais de 2023 marcan a axenda do novo curso político

O PP, o BNG e o PSdeG quentan motores para intenso ano electoral.
Paula Prado (no centro) acudiu onte a Cerdedo-Cotobado para coñecer os traballos de montaxe do acto que hoxe realiza o PP. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Paula Prado (no centro) acudiu onte a Cerdedo-Cotobado para coñecer os traballos de montaxe do acto que hoxe realiza o PP. (Foto: Nós Diario)

As forzas políticas arrancan un novo curso coa vista posta nos procesos electorais de 2023. Un ciclo moi intenso, cunha primeira parada nos comicios locais do mes de maio e unha segunda nas eleccións estatais a realizar no último cuadrimestre do ano vindeiro. Populares, nacionalistas e socialistas amósanse confiados nas súas forzas.

O Partido Popular volve hoxe ao concello de Cerdedo-Cotobade para abrir o curso político. A xornada neste municipio contará coa presenza dos primeiros espadas da formación a nivel galego e a nivel estatal. Porén, agárdase que todo o protagonismo o acapare Alberto Núñez Feixoo, co permiso da presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, que nas últimas semanas ten obrigado a mudar de posición ao antigo mandatario galego.

Pedro Sánchez será o principal destinatario do discurso de hoxe de Feixoo. Porén, a principal preocupación dos populares galegos son os comicios locais. Neste sentido, as fontes do partido consultadas por Nós Diario recoñecen que se trata da primeira proba de lume para Alfonso Rueda e non agochan as dificultades da formación nos ámbitos urbanos. Na mesma dirección, entenden que a foto final das municipais de maio vai condicionar os resultados das estatais, onde agardan unha vitoria clara de Núñez Feixoo.

O PSdeG amósase confiado de cara ás eleccións locais mais non oculta a súa preocupación coas estatais. Así, en relación cos comicios de maio, os socialistas esperan manterse como primeira forza electoral da Galiza urbana e conservar a Presidencia das deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra. Na mesma liña, non descartan que se consume unha mudanza en Ourense, vedo posíbel apartar José Manuel Baltar do Goberno da corporación provincial.

Os socialistas galegos entenden que fica, aínda, moito tempo para as estatais. A este respecto, consideran que o partido ten por diante moita marxe de mellora e ven como opción máis factíbel que Sánchez manteña a xefatura do Executivo do Estado co apoio das forzas nacionalistas de Catalunya, a Galiza e Euskadi. “Só hai dúas posibilidades”, sinalan desde o PSdeG a Nós Diario, “un Goberno de Feixoo con Vox ou un Goberno de Sánchez cos nacionalistas”.

O BNG confía en aumentar as Alcaldías que agora ten

O Bloque Nacionalista Galego está, tamén, centrado nos comicios locais. Neste sentido, adiantan un incremento moi importante no número de candidaturas en relación a 2019 e dan por feito unha mellora importante dos resultados. Os membros da dirección do BNG contactados por Nós Diario maniféstanse convencidos de “reter os Gobernos actuais e sumar outros en todo o país”. Nesta dirección, non descartan acadar a Alcaldía de Lugo.

No BNG apostan por ser unha forza decisiva na conformación do vindeiro Goberno do Estado. A este respecto, amósanse optimistas e agardan ampliar a súa representación no Congreso dos Deputados na próxima lexislatura. “A xente visualizounos nestes catro anos como unha forza útil para o país e todas as enquisas certifican o noso medre neses comicios”, afirman a este xornal fontes da dirección do BNG.

Comentarios