O PP recoñece que terá que mudar a lei de Saúde que aprobou en solitario

Comezaron os contactos de carácter técnico entre os gobernos galego e estatal para abordar as diferenzas sobre a reforma da lei de Saúde galega e contra a que o Estado decidiu presentar un recurso de inconstitucionalidade.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha imaxe de arquivo (Foto: David Cabezón / Xunta da Galiza)
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. (Foto: David Cabezón / Xunta da Galiza)

Os contactos de carácter técnico entre os gobernos galego e estatal botaron a andar esta segunda feira, 19 de abril, co obxectivo de abordar as diferenzas sobre a reforma da lei de Saúde aprobada no Parlamento galego o pasado 23 de febreiro -cos votos positivos do PP e coa oposición do BNG e PSdeG- e contra a que o Estado decidiu presentar un recurso de inconstitucionalidade co fin de paralizar determinados preceptos.

En declaracións aos medios, o vicepresidente primeiro da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, confirmou que, despois da conversa telefónica mantida a pasada semana co ministro de Política Territorial e Función Pública, Miquel Iceta, este 19 de abril omezaron os contactos de carácter técnico antes de ser convocada formalmente a comisión mixta bilateral Xunta-Estado para iniciar a negociación sobre o "fondo" da lei.

"Trataremos de demostrar o que sempre defendemos e estamos convencidos de que é certo: que é necesaria unha normativa para a pandemia", aseverou Rueda, argumentando que "se o Estado non a quere facer", ás "comunidades" non lles queda "máis remedio" que impulsar un marco legal que dea seguridade xurídica ás medidas que adopten os Goebernos contra a pandemia.

A Xunta asume que terá que recuar e mudar a lei

O portavoz popular no Parlamento galego, Pedro Puy, asegurou que a Xunta está disposta a "chegar a un acordo" co Goberno español que, "no seu caso máis extremo", poida "incluír a modificación da Lei de Saúde".

En declaracións aos medios, Puy afirmou a súa vontade de que o conflito sobre a lei se poida solucionar "ben a través dun acordo interpretativo" ou mesmo "con algunha reforma na propia lei", aseverando que "seguro que se pode contemplar a posibilidade tamén de facer algunha precisión ou modificación" do texto legal.

A posibilidade que recoñeceu Puy de que a Xunta perda neste confronto e se acabe tendo que modificar a norma é unha certeza para o líder dos socialistas, Gonzalo Caballero, que sostén que o Executivo galego "sabe que a vai ter" que mudar.

De facto, para Caballero, o que está a facer a Xunta é "provocar a confrontación" co Goberno estatal a sabendas de que "vai ter que cambiar" o texto legal. "A lei foi un exceso", sostivo ante os medios desde o Parlamento, asegurando que "haberá vías" nas que a Cámara poderá "botar atrás" a reforma para garantir a legalidade.

Precisamente, a lei xa naceu con críticas por parte do PSdeG e mais do BNG tanto polo fondo como pola forma, xa que foi rexistrada no Parlamento como proposición de lei do grupo parlamentar do PP e non como proxecto de lei desde a Xunta, a pesar de ter formalmente nacido no Executivo e non no partido. Ao rexistrarse desa maneira a lei tivo un trámite máis áxil, eludindo a necesidade de contar co informe do Consello Económico e Social (CES) ou o informe da asesoría xurídica da Xunta. E por aquí comezou a crítica dos partidos da oposición. Nacionalistas e socialistas cargaron contra o PP por conculcar dereitos por medio dunha lei ordinaria que instaura un "estado de alarma permanente" así como por impulsar unha reforma sanitaria que non fortalece o sistema sanitario e que ten como obxecto punir en lugar de concienciar.

Porén Rueda insistiu en que a lei se elaborou "de acordo" coa opinión non só do Goberno galego, senón dos técnicos xurídicos da Xunta da Galiza e "de acordo" cos "marcos constitucionais" para "ter unha seguridade xurídica á hora de actuar". 

As medidas que vulneran dereitos, no ollo da disputa

O Consello de Estado pronunciouse a comezos de mes vendo pertinente interpor recurso de inconstitucionalidade ao segundo apartado do artigo 38 da Lei de Saúde, relativo ás medidas preventivas, tratamento, hospitalización ou control cando haxa perigo para a saúde da poboación.

O artigo estabelece que se poderán adoptar medidas de control de persoas enfermas, como o illamento ou o internamento hospitalario, recolle medidas de control para contactos, e a obriga de vacinación.

Comentarios