O socialista García-Ávila faise coa alcaldía de Viana do Bolo e promete un mandato de "diálogo e entendemento"
O socialista Germán García-Ávila Arias fíxose coa alcaldía de Viana do Bolo (comarca de Viana) ao prosperar a moción de censura contra o popular Andrés Montesinos, presentada xunto ao BNG pola cal se estabelece un mandato rotatorio entre as dúas formacións. Na súa toma de posesión prometeu camiñar cara ao "diálogo e entendemento", e manter "as portas abertas ás ideas".
Ante un salón de plenos abarrotado de veciños e veciñas, García-Ávila levantou o bastón de mando visibelmente emocionado, subliñando que "non hai nada máis importante que ser alcalde de Viana". A moción de censura saíu adiante co 'si' de seis edís, tres do PSdeG e tres do BNG, fronte ao 'non' de cinco populares.
Ambas as formacións remarcaron que a Alcaldía do PP estaba en situación de minoría desde o comezo do mandato. Neste sentido, Andrés Montesinos converteuse en rexedor en 2022 tras unha moción de censura na que contou co apoio do grupo popular e edís non adscritos, cargo que posteriormente foi revalidado nas urnas debido ao non se chegar a materializar o pacto entre o PSdeG e o BNG.
Un mandato de "pasos pequenos mais firmes"
Tras xurar o cargo, Germán García-Ávila citou que "non lle dá medo o poder, senón o silencio do pobo", e asegurou que tanto o PSdeG como o BNG "non van prometer nada que non poidan cumprir" e que realizarán "pasos pequenos, mais firmes".
O novo mandatario recoñeceu o "pouco tempo que ten por diante", mais avanzou o seu obxectivo de manter a localidade limpa e responder as inquietudes da veciñanza. "Viana é o pobo máis bonito de Ourense, e imos tratar de que as rúas estean parellas á paisaxe", salientou.
Cunha clara reivindicación do "diálogo", García-Ávila apelou a "non renunciar ás diferenzas políticas" e á creación de camiños de entendemento, coa vontade de manter "as portas abertas" á veciñanza "sen importar as cores políticas", e á propia oposición, da que espera propostas para "chegar a todos os recunchos da poboación".
Así mesmo, trasladou que tocará na porta de todas as administracións con "humildade", e que espera que por "lealdade institucional escoiten". No seu discurso, defendeu que este é o "acto máis democrático que pode ocorrer" e recoñeceu o traballo da militancia socialistas, así como do grupo municipal do BNG.
Pleno sen incidencias
A sesión extraordinaria empezou puntual, ás 12 horas do mediodía, e sen incidencias, co salón dividido entre veciñanza que mostraba o seu apoio ao alcalde saínte e os que celebraban o cambio de goberno, con García-Ávila á cabeza. O secretario municipal leu o documento da moción, na que ambas as formación asinantes denuncian as "deficiencias" na xestión municipal, a "falta de transparencia", o "incumprimento sistemático" das responsabilidades básicas do Goberno municipal e a "incapacidade" do alcalde para proporcionar o liderado efectivo que require Viana do Bolo.
Nesta liña, sinalaron que a forma de comportarse do PP é "sectaria e autoritaria" e simula que tivesen maioría absoluta, pola súa total "falta de diálogo, concertación e consenso". Así, citaron o "caos orzamentario" e o "colapso dos servizos públicos esenciais" como é o Servizo de Axuda no Fogar (SAF).
Tamén, referíronse á súa "xestión económica irresponsábel" cun "inxente volume de fondos que se destinan a un gasto superfluo", e ao "declive demográfico alarmante" que require dunhas "políticas activas de revitalización", que o Partido Popular é "incapaz" de proporcionar.
"Viana reclamaba un cambio de rumbo"
Pola súa parte, o nacionalista Secundino Fernández afirmou que "Viana reclamaba un cambio de rumbo e exixía un novo goberno" porque nas pasadas eleccións a oposición conseguiu facerse con seis concelleiros. Aínda que o mandato conxunto non se puido dar en 2023, ambas as forzas políticas destacan que é o momento de "traballar pensando no futuro e deixar ao carón os seus intereses" a través desta alternancia pactada.
"O consenso tiña que chegar antes, mais estamos dispostos a traballar duro e reverter esta caída libre. Temos ideas e ganas e o BNG comprométese con Viana, os seus veciños e o PSdeG para camiñar xuntos", subliñou Fernández. Así mesmo, criticou duramente o mandato do PP, que ao longo do último ano demostrou unha situación "dramática de descontrol orzamentario, caos organizativo, neglixencia, opacidade, e o incumprimento de acordos plenarios".
Os incendios, eixo da polémica
Na súa quenda de palabra, Montesinos reprochou á oposición que "mentres se queimaban decenas de hectáreas" eles planeasen a moción. "Hai persoas e grupos que só pensaban sacar créditos para eles mesmos. Non lles importan que os seus veciños sufran no medio da catástrofe, queren desaloxar a un goberno honesto e traballador", afeou.
A continuación, asegurou que todo o que promete o PSdeG é "fume" e que a "cidadanía merece estabilidade", polo que se verá se o PSdeG e BNG "defenden o interese común ou queren protagonismo". Entre palabras de agradecemento á veciñanza por estes anos de goberno, Montesinos avanzou que as urnas xulgarán dentro de dous anos, e que isto "non é unha despedida, é un até pronto".
Tras as intervencións individuais, procedeuse á entrega do bastón de mando. García-Ávila solicitou ao alcalde saínte que fose el quen llo entregase. "O bastón de mando non, o do diálogo", reivindicou, procedendo a abrazar ao anterior rexedor.