O PP oponse a garantir a materia de Igualdade en todas as etapas educativas

O PSdeG cuestiona as axudas a festivais de cinema
Estudante en aulas (Imaxe: Europa Press)
photo_camera Estudante en aulas (Imaxe: Europa Press)

A Comisión de Educación e Cultura do Parlamento, reunida esta sexta feira, rexeitou debido ao voto en contra da representación do Partido Popular demandar á Xunta da Galiza que "garanta" a oferta da materia de Igualdade de xénero na oferta curricular das  diferentes etapas educativas. Foi unha proposta defendida pola deputada nacionalista Mercedes Queixas, que alegou, entre outras cuestións, que a formación afectivo-sexual da infancia e a mocidade non pode quedar só "en mans da internet".

Tamén lembrou que o Consello Económico e Social recomendou recentemente ao Goberno galego "intensificar os esforzos en política de igualdade". A parlamentaria 'popular' María Elena Suárez xustificou o seu 'non' afirmando que a igualdade de xénero "xa  está presente" no currículo escolar, unha explicación que non compraceu a Queixas, que acusou o PP de "volver recuar" en materia de Igualdade.

Sen abandonar o eido educativo, o grupo socialista urxiu a Consellaría que encabeza Román Rodríguez a "reverter" de inmediato o fechamento dunha aula de Infantil e mais a perda de dúas titoras no CEIP Xesús San Luís Romero de Carballo (Bergantiños). Unha situación pola que tamén se interesaron, perante a presentación dunha proposición non de lei, as parlamentarias nacionalistas.

Festivais de cinema

"Favoritismo" e "discriminación" son as dúas características que rexen, a ollos do PSdeG, a repartición de axudas a festivais de cinema por parte da Xunta. A deputada Noa Díaz acusou o Executivo de "favorecer uns festivais sobre outros" a través da Agadic, abordando o caso concreto do certame de Ourense, que recibe axudas directas por valor de até 160.000 euros, mentres o resto dos festivais "teñen que competir por un total de 225.000 euros", por debaixo dos 300.000 euros que orzaba o Goberno de coalición de PSOE e BNG. É unha forma de proceder, dixo, " escura, opaca, incomprensíbel, inxustificábel e inexplicábel".

Comentarios