O PP oponse a un financiamento que contemple a negociación bilateral coa Galiza

Esta segunda feira, no día en que se facían dous anos do mandato de Pedro Sánchez á fronte do Goberno español, a reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira remataba sen consenso sobre ás bases para un novo modelo de financiamento autonómico, un dos temas chaves desta lexislatura.
La vicepresidenta primera y ministra de Hacienda, María Jesús Montero, durante la reunión del Consejo de Política Fiscal y Financiera (CPFF), en el Ministerio de Hacienda, a 17 de noviembre de 2025, en Madrid (España). Durante la reunión se prevé que el Ministerio de Hacienda traslade a las Comunidades Autónomas cuáles son los objetivos de déficit y deuda de cara a 2026.

Alberto Ortega / Europa Press
17/11/2025
(Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

A xuntanza do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) que esta segunda decorreu en Madrid rematou como a reunión de febreiro: sen acordo e con diferenzas evidentes entre comunidades. Se daquela as autonomías gobernadas polo PP optaron por un "plante" á vicepresidenta e ministra de Facenda, María Jesús Montero, para mostrar que rexeitaban a proposta de condonación da débeda [á Galiza condonaríanselle 4.010 millóns], o rexeitamento, sen plante, dirixiuse ao bosquexo proposto pola ministra das bases para un novo modelo de financiamento. Montero anunciou que para "xaneiro ou febreiro" presentarían nunha nova cita da CPFF un modelo de financiamento "aplicábel a todas as comunidades de réxime común" mais que contemplaría as "singularidades" das autonomías e a posibilidade de "negociar determinadas materias de forma bilateral" coas comunidades.

O Partido Popular xa se apresurou a dicir que non a esta proposta. Para o vicesecretario de Facenda do PP español, Juan Bravo, o CPFF fora un "paripé". Para o secretario xeral Técnico e do Tesouro da Xunta da Galiza, David Cabañó, —o conselleiro de Facenda non asistiu ao CFPP alegando que tiña que estar no Parlamento da Galiza— a proposta era un "globo sonda que de forma recorrente lanza o Ministerio e unha vez máis acábao de facer", afirmou ao saír da reunión. A proposta do Goberno estatal na xuntanza desta segunda de ofrecer ás comunidades un obxectivo de déficit de 0,1% do PIB e entregas á conta ás autonomías por 157.731 millóns de euros en 2026 tampouco convenceu as 14 comunidades gobernadas polo PP. Segundo esta proposta, Galiza recibirá en 2026 unhas entregas a conta de 10.929 millóns de euros, 6,7% máis que en 2025. 

A reunión coincidiu co segundo aniversario do mandato de Pedro Sánchez como presidente do Goberno español, unha lexislatura na que o financiamento autonómico está a ser un dos debates principais, cando na Cámara Baixa española hai unha das maiores representacións de deputados e deputadas nacionalistas das últimas catro décadas.

Presenza do nacionalismo

Unha presenza, a do nacionalismo no Congreso, que se deixa notar non só nos temas a debate, senón mesmo na configuración da axenda política. O 16 de novembro de 2023 Pedro Sánchez foi investido de novo como presidente do Goberno e o 17 botaba a andar o seu novo mandato. Fíxoo tras os 179 votos a favor e 171 en contra que obtivo no Congreso. Foron dous votos máis que os que obtivera en 2019 e con apoio de sete forzas políticas ademais do PSOE: Sumar —entón con Podemos aínda no seu grupo—, Junts, ERC, EH Bildu, PNV, BNG e Coalición Canaria. Só tres partidos votaron en contra: PP, Vox e Unión del Pueblo Navarro (UPN).

Os socialistas lograron previamente á sesión de investidura fechar varios acordo con diferentes forzas políticas, entre elas o BNG, que apostou por situar en primeiro plano o que o deputado nacionalista en Madrid, Néstor Rego, cualificou como a "axenda galega", cunha serie de  compromisos asinados co PSOE para o seu cumprimento polo Executivo estatal en aspectos competenciais, de infraestruturas, sociais ou económicos. A semana pasada, durante o pleno do Congreso, Rego lembrou ao presidente español que "o BNG non dará un cheque en branco ao Goberno estatal" e reiterou que o acordo de investidura está para ser "cumprido".

O PP, pola súa parte, centrou a súa mensaxe  sobre o ecuador da lexislatura en que Pedro Sánchez "trata de atrasar o inevitábel", afirmando que o presidente español está disposto a "controlar e corromper as institucións" con tal de seguir no poder, "crese o amo", afirmou o seu presidente, Alberto Núñez Feixoo.

Pero Sánchez está disposto a seguir e esgotar o seu mandato. "Somos o Goberno que defende o que interesa á xente e imos seguir", dixo o propio xefe do Executivo nun vídeo publicado polo PSOE na redes sociais con motivo destes dous anos de lexislatura, e onde presumiu de mellorar "a vida da xente" desde que goberna. O delegado do Goberno español na Galiza, Pedro Branco, defendeu que Pedro Sánchez "cumpre coa Galiza, con feitos: máis financiamento, máis recursos e máis oportunidades".

O Goberno español conseguiu aprobar de maneira definitiva durante estes dous anos un total de 46 iniciativas lexislativas. Unha tarefa que semella que se vai pór máis difícil para o Executivo español a partir de agora despois da advertencia de Junts per Catalunya de que vai "bloquear" a lexislatura. 

O principal reto que se marca o Executivo español a curto prazo é o de presentar na Cámara Baixa un proxecto de Orzamentos para o ano 2026. As contas levan prorrogadas desde 2023, e o ano pasado nin sequera o Goberno fixo o simulacro de presentar uns para este exercicio. A pesar diso, o Executivo insiste en que a súa intención é presentar un Orzamento para o ano 2026, insistindo en que en breve vai comezar a contactar cos diferentes grupos parlamentarios para intentar lograr o seu apoio a estas contas.


Rexeitamento a condonar un terzo da débeda

A débeda pública galega incrementouse durante os primeiros seis meses deste ano en case mil millóns de euros, situándose nos 12.886 millóns e representando 15,3% do produto interior bruto (PIB) da Galiza, segundo os datos máis recentes publicados polo Banco de España. A débeda per cápita sitúase así en 4.737 euros por habitante cando era de 1.752 euros en 2009, cando o PP  voltou a gobernar a Xunta da Galiza. Os representantes das comunidades gobernadas polo PP expresaron de cara a este Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) que a proposta de condonación —no caso da Galiza suporía condonar 4.000 millóns de euros, un terzo do total da débeda— que se mantiñan na mesma posición que na reunión de febreiro: oporse á quita. De feito, o Goberno galego anunciou a principios do pasado mes de outubro que presentaría alegacións contra o anteproxecto de lei de condonación da débeda.

O Executivo galego afirma que esta condonación non vai "mellorar" a solvencia da Galiza, malia que a aplicación da medida suporía rebaixar en un terzo a actual débeda da Galiza, débeda á cal só este ano, 2025, a Xunta destina 1.763 millóns de euros a lle facer fronte. En 2026 vai destinar máis de 1.858 millóns, o que supón 5,4% máis que este ano.

Comentarios