O Estado ingresou por impostos na Galiza 16.296 millóns, mais só reintegrou 10.131
O Ministerio de Facenda vén de publicar a liquidación do sistema de financiamento correspondente ao ano 2023. O documento certifica que nese exercicio o Estado succionou á Galiza pola vía dos impostos un total de 6.165 millóns de euros. A cifra atende á tendencia dos últimos anos.
A liquidación do sistema de financiamento de 2023 será o punto de partida para a elaboración do novo modelo, cuxo debate centrará o vindeiro curso político do Estado español. Neste contexto, asístese a unha discusión marcada por argumentos de orde ideolóxica, onde as cifras son agochadas na maioría das ocasións e noutras ofrécense condicionadas para xustificar as diversas posicións de parte.
O economista e presidente da Comisión de Economía e Facenda do Parlamento galego na V lexislatura (1997-2001), Xosé Díaz, leva analizando desde hai dúas décadas o impacto do modelo de financiamento na Galiza e acaba de rematar un estudo sobre a liquidación do sistema de financiamento de 2023 ao que tivo acceso Nós Diario.
O relatorio, titulado Os resultados da liquidación do réxime común ou das "rexións" en 2023, conclúe que o Estado recadou en impostos na Galiza en 2023 un mínimo de 16.296 millóns de euros, mais só reintegrou 10.131 millóns de euros. A este respecto, o informe aclara que destes 10.131 millóns de euros, 6.986 millóns proceden de ingresos tributarios e 3.144 millóns de transferencias do Estado. Neste sentido, desvela que a liquidación do sistema de financiamento de 2023, cuxos datos fixo públicos a finais de xullo o Ministerio de Facenda, certifica un saldo neto negativo para Galiza de 6.165 millóns.
"Podemos comprobar", explica Díaz a Nós Diario, "como a diferenza entre os impostos soportados por Galiza, que en 2023 ascenderon á cantidade de 16.296 millóns de euros, e a necesaria división binomial de impostos máis transferencias ás que recorre o sistema de financiamento de carácter estritamente ideolóxico, nese exercicio de 2023, elevouse a 6.165 millóns".
O economista interpreta estas cifras como "indicador do papel continuamente perdedor da Galiza" e destaca "as moitas cuestións que se poderían financiar con semellantes recursos para mellorar o benestar social, a prestación dos diferentes servizos públicos e para facer medrar a riqueza que producimos no conxunto do país".
Os recursos succionados polo Estado á Galiza pola vía dos impostos en 2023 superan en 952 millóns os fondos destinados para sanidade nos orzamentos de 2025, que suman 5.213 millóns; exceden en 3.205 millóns as partidas recollidas para educación, que ascenden a 2.960 millóns, e sobrepasan en 4.760 millóns o diñeiro dedicado a dependencia e benestar social nas mesmas contas, partida para o que recollen 1.405 millóns. Neste sentido, equivalen ao 51,6% da débeda pública galega a feche de 2024, última anualidade con datos, situada en 11.936 millóns.
Paralelismo
As cifras derivadas da liquidación do sistema de financiamento de 2023 están en liña coas doutras anualidades. Así, en 2022, o Estado recadou en impostos na Galiza un mínimo de 15.385 millóns, reintegrando 10.041 millóns, dos que 6.695 millóns procedían de ingresos tributarios e 3.346 millóns de transferencias do Estado. A unha lóxica semellante, responderon os datos de 2021, cando o Estado ingresou en impostos un mínimo de 13.974 millóns e devolveu 8.892, succionando polo mecanismo dos tributos 5.082 millóns.
Os fondos succionados á Galiza a través dos impostos no período de 2009, ano da entrada en vigor do actual modelo de financiamento para os territorios do denominado réxime común, a 2023, ascenden a 65.556 millóns. A este respecto, Díaz desvela que "a diferenza entre os impostos soportados pola Galiza e a formulación binomial de impostos e transferencias característica do actual sistema de financiamento elevouse nada menos que a 65.556 millóns a prezos correntes". Neste sentido, trátase dunha contía que representa 84,7% do produto interior bruto (PIB) galego de 2023, cifrado en 77.356 millóns.
A contía dos recursos expatriados pola vía dos impostos achega unha panorámica do impacto negativo para Galiza do actual sistema de financiamento. As conclusións ofrecidas polas investigacións de Díaz son partilladas por diversos estudos elaborados por organismos públicos como o Consello de Contas. A este respecto, o organismo fiscalizador, nun relatorio presentado en maio de 2024, cifrou o déficit xerado polo sistema de financiamento na sanidade, na educación, nas pensións e nos servizos sociais galegos para o período de 2009 a 2021 en 19.956 millóns.
Os datos achegados pola liquidación do sistema de financiamento de 2023 volven desmontar os argumentos sobre a falta de capacidade fiscal da Galiza para manter os seus servizos. Nesta liña, Díaz denuncia que "a Lei do sistema de financiamento regula que os tributos cedidos equivalen á capacidade fiscal das comunidades autónomas no canto de atender á realidade de que a capacidade fiscal real a constitúe a totalidade de tributos que soportamos as persoas físicas e xurídicas con actividade na Galiza". Así, o Estado fixa a "capacidade fiscal galega" para 2023 en 6.986 millóns, contía que se corresponde co 42,9% do realmente recadado na Galiza.
Un modelo de financiamento co que a Galiza sae perdendo
O financiamento será o tema chave do curso político que arranca en setembro. O debate centrarase na proposta de quita da débeda das comunidades autónomas formulada polo Goberno do Estado para atender os compromisos adquiridos cos nacionalistas cataláns e galegos e na elaboración dun novo sistema de financiamento que substitúa o actualmente vixente, aprobado en 2009, cos votos favorábeis do PSOE e coa abstención do PP e prorrogado desde 2014.
As forzas políticas actuantes na Galiza parten de posicións diferentes sobre estas cuestións. Mentres nacionalistas e socialistas defenden unha quita que permitiría reducir a débeda galega en 4.010 millóns de euros, isto é 33,5% do total, os populares rexeitan esta posibilidade, seguindo a liña marcada pola dirección do partido en Madrid. Pola súa parte, o PP aposta por un sistema de financiamento único para todas as comunidades do réxime común, o PSdeG por un modelo "singular" para Galiza e o BNG por un réxime de concerto que permita á Xunta da Galiza recadar todos os tributos.
A única coincidencia entre as tres formacións maioritarias na Cámara é que o modelo de financiamento vixente desde 2009 é lesivo para o país. Por conseguinte, cada día que pasa, Galiza perde.