Eleccións Europeas 9-X

O PP galego pide ter peso na Eurocámara para "contrarrestar os ataques" de Sánchez

Francisco Millán Mon pide mandar unha "mensaxe clara" á cidadanía
pp
photo_camera Pablo Gómez, Millán Mon, Paula Prado e Adrián Vázquez (Foto: PP)

O PP galego presentouse estacuarta feira como "a resposta" aos problemas da sociedade galega nas próximas eleccións europeas do 9 de xuño ante un BNG "en coalición con independentistas" e un PSOE que "socava cada vez máis o estado de dereito".

Así o afirmou a secretaria xeral do PP da Galiza, Paula Prado, que compareceu xunto aos candidatos Francisco Millán Mon, Adrián Vázquez e Pablo Gómez minutos antes da reunión do comité de campaña, baixo o lema 'A túa resposta'.

Prado destacou que os "éxitos" electorais que levan celebrando dous anos "non acabaron" e que teñen por diante "un reto máis", que son as eleccións europeas do 9-X. "O resultado destes 24 meses foi magnífico, a maquinaria do PP funcionou perfectamente nos 313 concellos. A Galiza impregnouse do estilo Rueda", defendeu. 

Millán Mon, pola súa parte, aproveitou para dar as grazas tanto á secretaria xeral como ao presidente do PPdeG, así como a Alberto Núñez Feixoo, por "renovar a confianza" na súa persoa. "Vou seguir traballando como fixen estes anos en Bruxelas, cunha ilusión renovada". Agradeceu tamén o traballo do comité.

"Creo que estes 15 días hai que traballar moito para levar unha mensaxe clara á cidadanía. Son unhas eleccións chave, moi importantes para Europa, para España e, desde logo, para a Galiza", destacou.

"Necesitamos saír todos a votar, mobilizarnos, mandar unha mensaxe clara ao señor Sánchez mais tamén a Europa. Necesitamos ser a delegación do PP máis potente no Parlamento Europeo para contrarrestar os ataques que fai o señor Sánchez e o seu Goberno á Galiza", manifestou.

O PP galego arranca na noite desta quinta feira a campaña en Pontevedra.

Comentarios