O PP galego acusa o Goberno español de "ecoloxismo radical"

O Partido Popular alerta das "consecuencias negativas" do novo regulamento de Costas para a Galiza.
Paula Prado en rolda de prensa.
photo_camera Paula Prado, secretaria xeral do PP galego (Foto: PP)

O PP galego criticou que o novo regulamento de Costas, que tramita o Goberno estatal, parte dunha "perspectiva propia do ecoloxismo máis radical" e "totalmente afastada" da realidade da Galiza, á vez que alertou das "graves consecuencias" que tería a súa aplicación para a actividade social e económica da comunidade.

Así o explicaron nun comunicado e indicaron que o novo texto legal co que o Executivo que dirixe Pedro Sánchez quere substituír ao anterior -anulado polo Supremo- é "aínda peor que o anterior" na medida en que "vai aínda máis aló" nas pretensións do Ministerio para a Transición Ecolóxica de "deshumanizar" a costa galega e "acabar con toda a actividade que se desenvolve nela".

"Xa sabiamos que ao Goberno de Pedro Sánchez moléstanlle as empresas, as depuradoras, e até os centros de saúde que se sitúan ao longo do litoral galego. Pero agora descubrimos que directamente está en contra de que haxa vida en toda a nosa costa", argumentaron os populares para abordar as "consecuencias" que implicaría a aplicación do novo regulamento.

Compatibilizar

Os populares insistiron na compatibilidade entre o desenvolvemento da actividade económica e a protección ambiental "como sempre se fixo na Galiza". Neste sentido, lamentaron que o Ministerio "equipara a situación" das praias galegas coas do Mediterráneo á hora de estabelecer normas de aplicación xeral. "As características da Galiza nada teñen que ver coas doutras zonas costeiras de España", subliñaron.

O PP galego contrapuxo a actitude do Goberno español coa da Xunta que "para protexer as edificacións costeiras" e ofrecer "seguridade xurídica" ás empresas instaladas nesas zonas, aprobou a lei galega de ordenación do litoral.

Unha norma, continuaron, que posteriormente foi recorrida ante o Constitucional polo Executivo español "chegando mesmo a comparala cunha declaración de independencia".

"Fronte a un Pedro Sánchez que nega a Galicia as competencias de xestión do seu litoral que se lle concede ao País Vasco e que ademais ataca legalmente a aqueles que lexislan para o beneficio xeral mentres ampara os actos delituosos dos seus socios, os galegos poderán seguir contando co PP, con Alfonso Rueda á fronte, para defender os seus intereses custe o que custe", sentenciou.

Comentarios