O PP esquiva o debate sobre unha tarifa eléctrica galega que beneficie a familias e industrias

O BNG acusa a Feijóo de axudar “a engordar as eléctricas”. “Mentres cen mil familias galegas  non poden pagar a luz, as eléctricas suman case 6.000 millóns de euros en beneficios”.

Parlamento
photo_camera Parlamento

O portavoz do BNG no Parlamento preguntou a Feijóo na sesión de control ao Goberno galego sobre se vai adoptar medidas e compromisos para acabar co que Francisco Jorquera cualificou como “espolio enerxético de Galiza”. O portavoz nacionalista lembrou que Galiza é un país excedentario en electricidade mais, malia iso, “cen mil familias galegas  viven en pobreza enerxética e 800 persoas morren ao ano por doenzas ou accidentes relacionados co frío”.

A tarifa subiu un 77% nos últimos anos, “o maior incremento da Unión Europea”, varias empresas anuncian despidos por non poder asumir os custes enerxéticos, “a desfeita” do concurso eólico do Partido Popular e o parón decretado polo Goberno central provocan a ruína das renovables, Megasa e Alcoa  poden perder 600 empregos directos.

O presidente da Xunta, na quenda de réplica, descargou a responsabilidade dos prezos da electricidade nos gobernos socialistas. Sobre Alcoa, Núñez Feijóo instou a firma a que presente unha oferta "razonábel" na vindeira poxa e mesmo díxolle a Jorquera: "De Alcoa sabemos máis que vostede". 

Empobrecemento

A vice-portavoz de Alternativa Galega de Esquerda Yolanda Díaz falou na sesión de control do aumento de pobreza en Galiza. “Hai 100.000 persoas en situación de pobreza enerxética e 18.000 fogares con nenas e nenos pobres”, afirmou Díaz, “e vostede que vai facer? Non minta e responda”.

“Os fogares pásano mal e hai nenas e nenos con problemas para se alimentar con calidade”, engadiu Yolanda Díaz, que tamén preguntou directamente a Núñez Feijóo se consideraba pobre ou non “a unha traballadora ou traballador no desemprego que cobra 426 euros ao mes”.

‘O Conseguidor’

Na súa quenda de intervención, o portavoz do PSdeG repasou as "malas novas" desta semana, citando a queda demográfica, a crise do Naval ou as ameazas de peches de empresas. "Por certo, que facía nesas conversas con Pemex o seu particular Pequeno Nicolás, 'O conseguidor'?" inqueriu Méndez Romeu ao mencionar que os contratos coa petroleira non implicaron tantos empregos como anunciaba a Xunta.

Comentarios